Xa metidos de cheo na primavera, calquera pode comprobar como as velutinas (avespas invasoras procedentes de Asia) inzan aldeas, vilas e mesmo cidades (cos perigos que isto implica), e non só iso, senón que se ceban coas nosas abellas (das que se alimentan), producindo milleiros de baixas nas colmeas das explotacións.

Para frear o seu espallamento na contorna sonense a Comunidade de Montes de Baroña organizou os días pasados un obradoiro de trampas destinadas a capturar as raiñas de velutinas, aproveitando que nesta época (plena primavera) saen dos niños primarias para facer novas colonias. O curso contou coa colaboración de Ricardo (Protección Civil de Porto do Son) que mostrou aos asistentes o comportamento e os hábitos das velutinas e resolveu as dúbidas que lle achegaron.

O resultado do obradoiro foi unha manchea de trampas elaboradas con botellas de plástico reutilizadas e o líquido atraente para as mesmas, que os asistentes puideron levar para colocar nas súas hortas e poder atrapar ó maior número posíbel de raíñas de velutinas.




