
Este xoves 4 de maio, logo de xa seis de meses de mobilizacións en Corrubedo para esixir melloras no Centro de Saúde local e un médico a tempo completo, a veciñanza volveu reunirse na vila para recordar as súas reclamacións á Consellería de Sanidade e ao Concello. Unha vez máis, na mobilización participou o BNG de Ribeira, que mostrou o seu apoio incondicional aos veciños nesta petición. Os concelleiros do BNG Luís Pérez e Cruz Rivadulla volveron instar ao Goberno local a “poñerse do lado da veciñanza para resolver o colapso e a precarización do sistema público de saúde en Corrubedo pero tamén en Ribeira”.
No BNG poñen o foco na “cesión do Goberno do PP ás demandas da patronal, consolidando a folla de ruta de facilitarlle profesionais á sanidade privada equiparando profesionais que apostan pola sanidade pública, dedicándose en exclusiva á mesma, cos que o fan tamén na sanidade privada”, en referencia ao complemento salarial ás e os profesionais que, ademais de na privada, traballen na pública, e viceversa.
O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, comprometeuse a seguir traballando e apoiando a veciñanza “até que se solucionen os problemas na Sanidade pública” e defendeu “o plan proposto polo BNG para dotar os centros de saúde de novas especialidades, como psicoloxía clínica odontoloxía ou fisioterapia e investimentos comezando por un plan de choque de 200 millóns de euros”.

Os nacionalistas esixen “solucións inmediatas fronte esta ausencia de avances en favor dunha sanidade pública que garanta a saúde e a vida dos galegos e galegas”.
Barral demandou á Consellería de Sanidade “rectificar, deixando de tomar medidas que afondan na mercantilización da sanidade e escoiten á poboación e aos profesionais que demandan mellores condicións laborais no SERGAS e un aumento dos recursos para garantir unha correcta calidade asistencial aos doentes no sistema público de saúde”.


