Hai moitas Maricarme que foron e son desafiuzadas xudicialmente e de cuxas vidas ninguén se ocupou por desidia, falta de interese dos medios de comunicación e abandono familiar. A Maricarme, veciña ata vai uns dias do barrio madrileño do Retiro (actualmente ingresada nun centro sanitario da capital de España) coñecíana aqueles que vivían máis preto dela, para os que hoxe -con razón- é alguén á quen cómpre defender porque prensa, radio e televisión levaron a súa imaxe a tódolos currunchos de España. Mais ata o desafiuzamento non houbo nova algunha sobre como vivía ou acadaba vivir Maricarme nun dos barrios “postineros” do Madrid máis tradicional cunha pensión mínima e aboando un aluguer de máis de 500 euros mensuais.
De non mediar unha empresa arrendataria que se fixo coa propiedade do piso habitado por Maricarme co obxectivo de poñela na rúa para fixar un aluguer de máis de 2.500 euros cada mes, esta inquilina sería unha máis das que, a milleiros, se ven na obriga de vivir na rúa. Sen ir máis lonxe, na Galicia que se lamenta e chora pola situación xerada en Madrid e que, aínda hoxe, ocupa portadas e planas dos xornais de toda España e espazos en radios e televisións.
O poder dos medios, que teñen coma icona a unha muller de 87 anos á que unha empresa inmobiliaria desafiuzou para gañar máis do que gañaba con ea coma inquilina. E quen se ocupa dos centos, seguro que milleiros de homes e mulleres que durmen baixo pontes, en beirarrúas, en portais de edificios, en infravivendas polas que ninguén se interesa que traen e levan en bolsas de plástico todas as súas pertenzas e lavan como poden os seus corpos en fontes de xardíns públicos á vista de calquera e sen se chamar Maricarme ou residir nun barrio de renome como é o madrileño Retiro?.
Este sábado, varios milleiros de veciños de Madrid amosaron o seu apoio a Maricarme nunha manifestación levada a cabo na capital de España. Hoxe tamén será noticia Maricarme. E posiblemente, mañá. Co paso dos días, esqueceremos a Maricarme e afastarémonos do lugar no que, sobre cartóns e tapados con mantas vellas, durmen e agochan as súas vergoñas ducias de persoas que un día tiveron familia, vivenda, amigos, traballo e que, por un revés calquera, vense actualmente na obriga de se deitar alí de onde non os boten e mesmo os mallen a paus aqueles que se sinten ofendidos porque un mendigo ocupa un espazo que “non lle corresponde” e dan aviso á policía para que o desaloxe porque “cheira” e non sae nos medios de comunicación.
Ata para malvivir hai clases.



