Hai no solpor da nosa terra unha brétema que encende a memoria. Cando os camiños do espírito se funden coa paixón dun pobo, nacen iniciativas que son verdadeiras cátedras de liberdade e concordia. Así medraron os Premios da Crítica Galicia, esa obra de todos e para todos que dende o fondo dunha vontade civil e democrática sabe recoñecer o pulso fermoso de quen labora por e para Galicia.
Aquel fío que comezou a tecerse a finais dos setenta mantén hoxe o seu fulgor intacto, abrazando a unha Galicia universal que tracende valados e fronteiras. É o triunfo da pluralidade, da grandeza de miras e do altruísmo, valores que nos legaron os clásicos do noso pensamento e que hoxe fundanse nas institucións maiores que gardan a nosa alma, dende a Real Academia Galega ata o Consello da Cultura Galega e tantas fundacións e entidades que son faro e guía baixo o nome das nosas poetas, dos petrucios seculares, dos galeguistas históricos de todolos xéneros, lugares e formas de pensar.
Nesta vixía cultural, a palabra cultiva a esperanza. Cando nos achegamos á creación literaria, ás ciencias, ás artes plásticas, á música, o cine ou a etnogastronomía, non facemos máis ca renovar o pacto coa nosa identidade. Como ben lembraba Castelao cando nos ensinou que un pobo que ten lingua propia ten a chave da súa propia dignidade, cada galardón que será entregado en Vigo, na sede de AFUNDACIÓN, o sábado 17 de outubro supón un latexo colectivo que reafirma o noso ser no mundo. Porque, como apuntaba Rosalía de Castro no seu eterno cantar, a nosa voz é latexo dunha terra que non se rende ao tempo nin ao olvido.
A vixencia deste proxecto, que roza xa medio século de compromiso ininterrompido, débese ao esforzo infatigable dunha sociedade civil que nunca agardou polos desexos alleos para construir o seu propio destino. As bases que hoxe rexen estes galardóns non son máis ca a proba dunha madurez imparábel, onde dez modalidades abranguen dende a investigación científica máis rigorosa ata a cultura dixital e gastronómica, sen esquecer a creación artística en todas as súas formas.
A memoria tamén se pon de gala e se embelece coa saudade polas ausencias que este ano nos enchen de emoción, un recordo luminoso que nos conecta co mellor de quen segue habitando no noso afecto e na nosa gratitude permanente, figuras inesquecibles como Antón Pulido, o profesor Alonso Montero e tantos outros que deixaron pegada fonda na nosa estética e no noso pensamento. Con eles e con todos os xurados e testemuñas que fan posíbel este empeño en man común, a cultura galega afianza o seu porvir sen perder a ternura das súas raíces.
Estes recoñecementos non buscan o metal nin a riqueza material, senón o prestixio e a gratitude dun país que sabe honrar aos seus creadores. Son o espello dunha Galicia que camiña cara a mañá coa certeza de que o mellor idioma é o que se comparte dende a liberdade e o amor pola nosa herdanza.
Esta traxectoria colectiva ten o seu alicerce firme nunha tradición que persiste desde o impulso inicial do presidente fundador Bieito Ledo Cabido ata a actual equipa directiva, integrada pola presidencia de Manuel Bragado Rodríguez, a vicepresidencia primeira de María Dolores Cabrera Iglesias, a vicepresidencia segunda de Inmaculada López Silva, a secretaría de Malores Villanueva Xesteira, a vicesecretaría de Roberto Pascual Rodríguez e a tesourería de Anxo X. Rajó.
Ese testemuño de compromiso cultural complétase e proxéctase cara ao futuro grazas ao labor das vogalías e dos membros destacados dos xurados múltiples, entre os que figuran Paula Cabaleiro Comesaña, Mariana Fernández Carballal, María Xosé Porteiro, Paz Raña Lama, Afonso Vázquez Monxardín, Antón Sobral Iglesias, Anxo Tarrío, Jorge Mira, Ledicia Costas, Manuel Gago, Modesto Hermida, Víctor Freixanes, Xavier Senín e Xosé María García Palmeiro. Todos eles e algúns outros constitúen os garantes dunha tradición viva e aberta, que entrelaza a fonda raíz dos fundadores coas figuras máis fulgurantes da cultura actual e global.
Galicia latexa.
Alberto Barciela
Periodista



