Máis de 70 persoas participaron na quinta xornada ambiental do proxecto PLANCTON no arquipélago das Illas Atlánticas.A recollida de especies exóticas caeu a 42 quilos fronte aos 500 retirados en 2024, confirmando a efectividade dos controis periódicos

Un equipo de máis de 70 persoas voluntarias mobilizadas polo programa Actúa de Afundación retirou este sábado 258 quilos de refugallos e especies vexetais foráneas na illa de Sálvora, integrada no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A intervención, enmarcada na estratexia medioambiental PLANCTON que promove a Obra Social de ABANCA, combinou o saneamento do litoral coa protección da biodiversidade autóctona deste enclave protexido.
A xornada saldouse coa recollida de 216 quilos de lixo mariño e 42 quilos de flora exótica invasora. Esta última cifra reflicte un descenso notable respecto das edicións previas: dos 500 quilos extraídos en 2024 e os 366 de 2025 pasouse aos 42 actuais, un indicador que confirma a incidencia positiva e a consolidación dos labores continuados de erradicación sobre o terreo.
O operativo dividiuse en dous grupos de traballo. A brigada centrada na limpeza costeira actuou na praia do Almacén e en zonas rochosas, onde retirou elementos vencellados á pesca e ao cultivo en batea, tales como restos de cabos, redes, tarugos plásticos e 237 boias pequenas. Ademais, extraéronse residuos procedentes do lecer e da actividade humana na costa —envases, botellas, plásticos deteriorados e produtos de hixiene—, canda pezas de maior volume como catro palés, un traveseiro e un pneumático.
De xeito simultáneo, o segundo grupo operou baixo as directrices técnicas do persoal do Parque Nacional para retirar 15,7 quilos de Helichrysum foetidum (flor de San Xoán ou árnica falsa) e 26,3 quilos de Amaryllis belladona. A contención de ambas as dúas especies é prioritaria para frear o desprazamento da vexetación nativa e protexer o equilibrio ecolóxico dos areais insulares.
A actuación en Sálvora supón a quinta intervención desenvolvida por Afundación neste arquipélago, aliñándose coas directrices de conservación do proxecto europeo Life Insular da Rede Natura 2000. Ao longo das sucesivas campañas de PLANCTON na illa, máis de 270 voluntarios acumulan a retirada de máis dunha tonelada de lixo mariño e preto dunha tonelada e media de vexetais invasores.




