
Eran aqueles tempos nos que non todo o mundo tiña un receptor de radio na casa: principios dos anos 50 do século pasado, cando os rapaces iamos á escola “de pago” ou á pública de luns a sábado (de 9,00 a 13,00 horas e de 15,00 17,00) inclusive, sendo moitos os que acudiamos ás escolas que rexentaban en Ribeira Carlos García Bayón, Manuel Martínez “O Roxo”, Juan Emilio Álvarez de Prado e os irmáns Bernardo e Ramón González Mariño, co Grupo Escolar “Francisco Franco” dotado este de escolas separadas de nenos (abaixo) e nenas (primeiro andar) do edificio sito na rúa que rematou levando o nome do que, daquela, era o alcalde de Ribeira e procurador en Cortes, Miguel Rodríguez Bautista quen, en actos de certa solemnidade, vestía chaqueta branca sobre a camisa azul da Falanxe de José Antonio Primo de Rivera.
Tempos de pizarra e pizarriño/pizarrillo (algúns de manteiga) que había que “afiar” (sistema que obrigaba a pedir permiso para abandonar uns minutos a escola, do mesmo xeito que se facía para “ir á piesa” (con seseo e en máis ou menos castelán) cando as gañas de ouriñar apertaban e non en todas as escolas había retrete, váter ou “piesa” nos que verter augas maiores ou menores.
Os que dispoñiamos de receptor de radio na casa, procurábamos chegar a esta canto antes, sabedores de que, aproximadamente á unha e media do mediodía a SER radiaba o serial futurista “Diego Valor” coas súas naves interplanetarias e viaxes a planetas absolutamente descoñecidos para, a continuación, emitir “o parte” (diario falado de RNE, de obrigada emisión en todas as cadeas radiofónicas do país) que, unha vez rematado, daba paso a outro serial “Dous homes bós” de vaqueiros que, estou convencido, algo tivo que ver co éxito acadado en España pola serie televisiva “Bonanza” que, durante anos, “amenizou” as merendas dos que tiñan televisión en branco e negro e após, a radionovela “Ama Rosa”, lacrimosa ata o paroxismo e paso previo á non menos famosa “La señora Francis” que amañaba e desamañaba todo canto problema matrimonial ou de noivado existía no mundo mundial.
Eran os comentarios de cada día entre as mulleres que acudían decote ao lavadoiro do río do Ameneiro, coa súa persoal interpretación de canto acontecía na radio, especialmente coa radionovela tantas veces exemplo dos aconteceres familiares e de amor entre a protagonista e a interpretación que dela facía cada quen entre bágoas.



