O Concello de Ribeira adxudicou dous contratos en materia medioambiental para a mellora da separación e reciclaxe de residuos correspondentes ao téxtil e á compostaxe doméstica. Estas son dúas das catro liñas de axudas ás que opta a Administración local a través da Consellería de Medio Ambiente. Así, en vindeiras datas tamén sairá a licitación a adquisición dun punto limpo de proximidade con ata oito fraccións de recollida, ademais dunha campaña de sensibilización e divulgación da compostaxe urbana.
A mellora da recollida separada da fracción de residuos téxtiles con relación aos residuos municipais para destinalos á preparación para a reutilización ou reciclado foi adxudicada por un importe de 7.758,16 euros, IVE incluído.
O Concello explicou que no marco deste proxecto vaise realizar unha campaña de promoción entre a poboación para dar a coñecer e fomentar a participación da cidadanía nuns talleres de reutilización de téxtil que irán dirixidos a diferentes idades, cun total de seis obradoiros.
Tamén se adxudicou a ampliación do grao de implantación territorial e de mellora da calidade da separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria por unha contía de 17.526,91 euros, impostos incluídos. Aquí inclúense accións de dinamización, subministro de 110 composteiros individuais e kits para o procedemento (rede antirroedores, aireador e manual), así como un cartel explicativo. Están dirixidos a vivendas con parcela asociada e entregaranse de xeito gratuíto.



