O BNG esixe manter a residencia pública de maiores nas Saíñas para evitar «o illamento no monte»

26 Setembro 2026

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira protagonizou este sábado un reparto informativo a pé de rúa para defender que a futura residencia pública de maiores se manteña na localización das Saíñas. O voceiro municipal e exalcalde, Luís Pérez Barral, instou o goberno local do Partido Popular a «rectificar e deixar de poñer escusas», advertindo dos prexuízos sociais que implicaría trasladar a infraestrutura á contorna de San Roque, unha opción que cualificou de «levala ao medio do monte».

O grupo nacionalista fixo fincapé no impacto económico do cambio de emprazamento, lembrando que nas Saíñas xa se executaron investimentos de fondos públicos por importe superior aos 800.000 euros. Segundo Pérez Barral, renunciar a estes terreos obrigaría a reiniciar todo o procedemento desde cero: «A día de hoxe non hai parcela, nin cartos consignados nin proxectos para a nova residencia. Non hai nada despois dun ano de goberno do PP».

Entre os argumentos a prol das Saíñas, o BNG destaca que se trata dun espazo chan, dotado de conexións de transporte público e situado nas proximidades da praia de Coroso, o paseo marítimo e a trama urbana. Estas condicións permitirían ás persoas usuarias preservar a súa autonomía persoal, recibir visitas con facilidade e manter o contacto co tecido comunitario, fronte ás barreiras de accesibilidade e orografía que presenta a alternativa de San Roque.

A formación tamén rebateu as xustificacións técnicas esgrimidas no seu día pola Xunta de Galicia para frear a construción nas Saíñas ao abeiro de supostos cambios na lexislación sobre zonas inundables. Pérez Barral sinalou que unha resposta oficial do Goberno central emitida en abril de 2026 constatou a inexistencia de ningunha modificación normativa estatal que impida levantar a infraestrutura nese punto.

No eido institucional, o portavoz nacionalista censurou que a alcaldesa, non convocase o pleno monográfico solicitado conxuntamente por BNG, PSdeG e os edís non adscritos para abordar a problemática. Pérez Barral avanzou que, ante a falta de convocatoria por parte da rexedora, será o propio secretario municipal quen formalice a convocatoria da sesión plenaria para que a veciñanza poida coñecer todos os detalles sobre o futuro do centro asistencial.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.