Rematado o período de presentación de ofertas, foron catro as propostas presentadas para a construción dun novo parque infantil na parroquia de Artes: unha actuación cuxo prezo de licitación é de 114.838,37€, IVE incluído.

Conforme ao proxecto técnico elaborado, o obxectivo fundamental que se persegue con este proxecto é “dotar á parroquia de Artes dun novo parque infantil, que se situará nunha parcela municipal situada en fronte do colexio e do Centro Recreativo”.
En primeiro lugar, estipúlase que será preciso rozar a superficie e nivelar o terreo, construíndo un muro de contención de pedra, de 2,5 m de altura no seu punto máis álxido e de anchura variábel.
Nesta explanada resultante instalarase o parque infantil que estará composto por un equipo combinado, un balancín, un columpio e 3 resortes de xogo e irá delimitado perimetralmente por unha varanda de 90 cm de altura. O pavimento desta zona será de caucho continuo.
Polo lateral da parcela deixarase un acceso á zona axardinada da parte inferior, de 3 m de ancho e pavimentada con formigón en cor. A fronte da parcela destinarase a estacionamento de vehículos e terá un firme de mestura bituminosa en quente. Esta contorna estará delimitada por unha beirarrúa de formigón, de cor similar ao do acceso lateral. En canto a iluminación pública, instalaranse 2 proxectores LED sobre columnas galvanizadas.
O investimento está incluído no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+2022.
O prazo de execución son dous meses.


