A sede da Asociación Empresarios de Ribeira acolleu este mércores 3 de agosto a presentación da XVII edición de Viamare Stock Feira de Oportunidades. Segundo fixeron saber os participantes no acto, esta nova edición contará con 23 establecementos, dous máis ca na anterior convocatoria. O presidente da patronal Francisco Martínez Gude explicou que este ano estarán representados un amplo número de sectores como poden ser moda e complementos, zapaterías, óptica ou decoración. “Este número de participantes reforza e consolida esta feira como a máis importante da comarca do Barbanza” sinalou Martínez Gude. No acto tamén interveu Manuel Ruiz, alcalde de Ribeira.

Un ano máis, a feira desenvolverase na explanada do porto de Ribeira. Abrirá as súas portas o venres 12 de agosto e teranas abertas até o domingo 14, cos seguintes horarios: venres e domingo de 11:00h a 22:00h e sábado de 10:00h a 22:00h de xeito ininterrompido. A Asociación de Empresarios salientou “que o mis relevantes destas xornadas serán os grandes descontos dos 23 comercios que participan”.

Este ano a feira volve contar coa colaboración do Centro de Día de Alzhéimer de Ribeira, AGADEA. “Estamos encantados de que un ano máis os usuarios do Centro de Día decoren a carpa e podamos darlle visibilidade a todo o labor que están levando a cabo os nosos maiores, explicou Martínez Gude, lembrando que este evento é posíbel grazas ás subvencións da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Ribeira. “Esperamos que este ano esta feira sexa todo un éxito como as predecesoras edicións e convidamos a todas as veciñas, veciños e turistas a vir a Ribeira a pasar unhas xornadas animadas e aproveitarse dos grandes descontos que ofrece o comercio de calidade de Ribeira”, engadiu o presidente da patronal.



