Xuventude de Rianxo achega este ano múltiples actividades estivais de lecer e formativas para a mocidade

28 Xuño 2022

O Servizo de Xuventude do Concello de Rianxo vai poñer a disposición da rapazada e a mocidade local, este verán, un completo programa de actividades de lecer e formación, multitemático, diverso e descentralizado. Inclúese dúas propostas principais: por unha banda o Campamento de Verán e o Plan Madruga (destinados a nenas e nenos de 04 a 11 anos, cun total de 225 participantes) e, pola outra, os Campamentos para a Mocidade, dirixidos a mozos e mozas de 12 a 17 anos. Os Campamentos para a Mocidade inclúen catro propostas distintas pero complementarias: A Vila do Maña, do 4 ao 8 de xullo; o Campamento de Teatro, do 11 de xullo ao 1 de setembro, en 4 quendas; o Campamento Urbano Audiovisual, do 14 ao 29 de xullo; e o Campamento Tecnolóxico, do 1 ao 11 de agosto

Campamentos de Verán e Plan Madruga Rianxo 2022

Segundo fixeron saber os responsábeis do Servizo rianxeiro de Xuventude e o alcalde, Adolfo Muíños, os Campamentos de Verán e o Plan Madruga irán destinados a crianzas en idade escolar, de 04 a 11 anos. Os campamentos celebraranse do luns 01 de xullo ao venres 26 de agosto, en horario de de 10.30 a 13.30 horas. Porén, o Plan Madruga dará servizo a partir das 8.00 horas. Celebraranse no Pazo de Rianxiño, no CEP Brea Segade e máis no CEIP Ana Ma Diéguez. As prazas son as seguintes: no Pazo de Rianxiño 140 de Campamento e 35 de Plan Madruga, no CEP Brea Segade 60 de Campamento e 15 de Plan Madruga e no CEIP Ana Ma Diéguez 25 de Campamento. Polo que respecta ás actividades, o programa inclúe xogos, deportes, traballos manuais, obradoiros de cociña, teatro e novas tecnoloxías… Amais, os venres haberá saídas a lugares de interese, praias a citas culturais como A Vila do Maña, o festival Titiriberia ou a Feira do Libro de Rianxo. Tamén está previsto un concerto didáctico en colaboración coa Escola de Música de Rianxo e un xogo de pistas en colaboración co Servizo de Igualdade. As actividades rematarán cunha romaría o 27 de agosto a partir das 12.00 horas no Pazo de Rianxiño. Nesta festa final haberá xogos, obradoiros, inchábeis, e actuacións musicais con Çe Orquestra Pantasma e Uxía Lambona e a Banda Molona, amais dun espectáculo de maxia con Martín Camiña.

Campamentos para Mocidade

Trátase dunha actividade para mozos e mozas de 12 a 17 anos. As inscricións cómpre facelas a través da web municipal, concelloderianxo.gal, dende o venres 1 de xullo ás 12.00 h, nun formulario de reserva na páxina. Terá prioridade a mocidade empadroada no concello de Rianxo.

A Vila do Mañá

Celebrarase do 4 ao 8 de xullo, nas rúas de Rianxo. Achegarase un total de 40 prazas. O certame A Vila do Mañá, Rianxo parte de tomar a vila de Rianxo coma un taboleiro de xogo e un laboratorio de experimentación, “transformando o lugar que habitamos en algo novo, en algo a descubrir se se mira e percorre con outros ollos”. A actividade consistirá, segundo informaron dende Xuventude de Rianxo, en “transformar as nosas vilas mediante a intervención artística cos graffitis”.

Campamento de Teatro

O Campamento de Teatro inclúe catro quendas: do 11 ao 22 de xullo, do 26 ao 5 de agosto, do 08 ao 19 agosto e do 22 de agosto ao 1 de setembro. Celebrarase no Centro Social Liceo. O número de prazas dispoñíbeis será de 25. O Campamento de Teatro pretende ofertar unha actividade lúdica e eminentemente práctica que achegue coñecementos básicos das artes escénicas, aproximando estsa vía de expresión artística ás persoas participantes.

Campamento Urbano Audiovisual

Desenvolverase entre os días 14 e 29 de agosto, no Pazo de Rianxiño. O número de prazas será de 15. O campamento urbano audiovisual de Rianxo é un obradoiro de verán xuvenil centrado na difusión artística, principalmente audiovisual e escénica. En palabras do Concello rianxeiro, “é unha ferramenta coa que se pretende aproximar a mocidade á creación artística e á súa libre manifestación a través de fórmulas que non adoitan a empregar, como por exemplo a expresión corporal, visual ou sonora”. Inclúe un obradoiro audiovisual con elaboración dunha curtametraxe

propia, xogos e actividades de lecer e clases maxistrais de dobraxe, medios técnicos, maquillaxe audiovisual e interpretación.

Campamento Tecnolóxico

O programa de actividades xuvenís de lecer do Concello de Rianxo, impulsado dende o Servizo de Xuventude, abrangue este ano unha proposta para fomentar e impulsar a canteira local de tecnólogas e tecnológos. Falamos do Campamento Tecnolóxico, que se celebra do 1 ao 11 de agosto na Aula de Informática do Concello. Trátase, segundo informou Xuventude de Rianxo, “de accións formativas de marcado carácter creativo orientadas a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos”. O número de participantes será de 16.

A finalidade destes obradoiros é “favorecer un uso práctico, creativo pero tamén crítico da tecnoloxía, á vez que igualitario, nos que haxa unha participación equitativa entre nenos e nenas, rachando con estereotipos de xénero”, explicaron fontes do Concello.

Algúns dos contidos a desenvolver serán os que citamos deseguido:

-Deseño de personaxes de videoxogos, xogando cos píxeles.

-Uso de programas en 2D para videoxogos.

–Gamers por un día.

-Creatividade (arte e música) con circuítos electrónicos.

-Programación e mundo hacker.

-Arduino e robótica.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.