Equipos de Narón e Ribeira representarán a Galicia na final estatal da First LEGO League

07 Marzo 2022

Finalmente celebrouse esta finde na UDC a oitava edición da First LEGO League Galicia. Foi no Auditorio de Ferrol e participaron no evento uns 300 mozos e mozas de idades entre os 4 e os 16 anos. Organizada pola Universidade da Coruña, o Campus Industrial de Ferrol, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e a asociación Ingeniera soy, esta edición celebrouse de novo de forma presencial, despois de que a pandemia obrigase a virtualizala o ano pasado.

O equipo de Narón que obtivo o primeiro premio

No evento, o equipo CON3CT4 – H4CKZ4P0S, de Gazapo Xestión SL (Narón, A Coruña) resultou gañador obtendo o Primeiro Premio Ingeniera soy. En segundo lugar, quedou o equipo Mega Builder Team, de Mega Ribeira (Ribeira, A Coruña) co Premio Universidade da Coruña ao Gañador. Estes dous equipos clasificáronse para a gran final nacional que terá lugar o sábado 2 de abril no Pazo de Congresos Torremolinos-Costa del Son en Málaga. O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, fíxolles entrega dos premios felicitando a todos os participantes, así mesmo aproveitou para animar ás mozas presentes a seguir cos estudos tecnolóxicos.

O equipo de Ribeira que obtivo o segundo premio

Ademais destes premios, a First LEGO League entregou os seguintes galardóns:

-Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores First: Efigy Girls Montespiño.

-Segundo Premio Deputación da Coruña ao Valores First: Catabótica, do IES Catabois (Ferrol, A Coruña).

-Premio Xunta de Galicia ao Proxecto de Innovación: Pathfinders, do Colexio Internacional Eirís (A Coruña).

-Nomeado aos Global Innovation Awards: Efigy Girls de Montespiño.

-Premio ao Deseño do Robot: Montecastelo BOT, do Colexio de Fomento Montecastelo (Vigo, Pontevedra).

-Premio ao Comportamento do Robot: CON3CT4 – H4CKZ4P0S.

Premio Gabadi á Excelencia na Enxeñaría: Gázapon – INH, de Gazapo Xestión SL (A Coruña).

-Premio Novas Promesas: Robot City Pobra, do CEIP Salustiano Rey Eiras (A Pobra do Caramiñal, A Coruña).

-Premio ao Adestrador/a para Pablo e Lucía de Gazapo Xestión SL (A Coruña).

41 equipos

O Auditorio de Ferrol acolleu na mañá deste sábado a edición galega dun campionato no que participaron un total de 41 equipos (21 na categoría FLL Challenge, 19 na FLL Explore e 1 na FLL Discover) con preto de 300 mozos e mozas de toda Galicia. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, contou coa colaboración de máis de cen persoas voluntarias.

Ademais do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asistiron ao evento o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, a alcadesa de Narón, Marián Ferreiro, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabildade Social, María Jesús Movilla, a directora do Campus Industrial, Ana Ares, e o responsábel de Transformación Dixital no estaleiro da ría de Ferrol, Rafael Morgade, entre outras autoridades.

Como cada ano, colaboran nesta iniciativa o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Gadis, R Cable, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e TodoOcio.

Que é a First LEGO League?

É un programa internacional que desafía a mozos e mozas de entre 4 e 16 anos, divididos en 3 categorías, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovábeis. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.

O desafío First LEGO League en España

Desde este ano, a Asociación ingeniera.soy é a entidade que impulsa a First LEGO League en España en colaboración co 20% das universidades españolas, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación como socios. Ademais, a iniciativa é posíbel grazas á colaboración de empresas e entidades que achegan aos participantes aos coñecementos e profesións STEAM.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión