
As áreas de Educación e Cultura de Ribeira achegaron unha completa axenda de actividades para celebrar o Mes das Letras (Maio Cultural). A primeira das propostas foi a inauguración (o xoves 2) da 14ª edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico. A segunda foi a proxección, o 4 de maio, do documental de outense Alberto Sacido baseado no escritor Suso de Toro, Suso Fóra de Lugar.

Este mércores 15, coincidindo co cabodano do pasamento do fillo adoptivo de Ribeira Manuel Ayaso, organizouse un pequeno acto solemne na súa lembranza no Cemiterio Municipal e contouse coa participación de varios escritores, poetas e familiares (Carlos Pereira, Alfonso Costa, Unai González e Mónica Ayaso, filla do artista de Aguiño ) que recitaron versos na súa memoria e unha pequena interpretación musical a cargo da soprano noiesa Esperanza Mara. Tamén interviñeron o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e máis a concelleira de Cultura, Antía Alberte.

Outra data destacada será ao día seguinte, o 16 de maio, xa que ás oito e media no Centro Cultural Lustres Rivas presentarase a novela premiada na novena edición do Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, que recaeu no escritor Manuel Esteban coa obra O xogo de Escher. A todas as persoas que acudan á presentación agasallaráselles cun exemplar da obra.
Na propia xornada do 17 de maio, Día das Letras Galegas, haberá varias accións previstas. Por exemplo un espectáculo infantil con Pablísimo ás 12 na praza de porta do Sol, unha ruada de música tradicional polas rúas da cidade a cargo da agrupación Tahume, a xornada das letras que se organiza en Aguiño da man da asociación Francisco Lorenzo Mariño e, para pechar o día, a coral municipal ofrecerá un concerto ás oito e media no auditorio municipal.
Xa no día 18 a compañía Redrum Teatro trae ao Auditorio a obra O pequeno Poni e ao día seguinte, o domingo 19, a Asociación Cultural Albéniz organizará unha xornada de portas abertas da súa Rondalla. Será de 17.30h a 20.00h na Aula de Música de Aguiño e durante este tempo as persoas que asistan poderán coñecer o traballo que realizan ao longo do ano e probar os seus instrumentos.
Rematará o mes de maio o día 31 cun acto tamén no auditorio no que se fará entrega dos premios do concurso escolar literario das letras galegas aos escolares gañadores en cada categoría. O acto inclúe o espectáculo A Danza do Verán de Xoán Curiel.




