A orquestra Sons e o coro Vox Stellae ofrecerán en Ribeira o seu concerto de Nadal no 10 de xaneiro

15 Outubro 2026

Ribeira prepara xa a súa programación para desfrutar do Nadal e avanza xa o concerto que ofrecerá a orquestra Sons xunto ao coro Vox Stellae no domingo, 10 xaneiro, ás 18.00 horas, no novo Auditorio Municipal.

Trátase dun espectáculo que fará viaxar no tempo ao público presente a través das melodías que forman parte da memoria e que, ano tras ano, volven nunhas datas tan sinaladas, segundo explicaron en rolda de prensa as responsábeis da orquestra e do Concello, engadindo que o repertorio consta de bandas sonoras de películas do Nadal ou que lembran esta época, grandes éxitos internacionais, panxoliñas galegas e diferentes pezas que forman parte do imaxinario colectivo destas festas. A proposta complétase con Os Sons do Nadal, obra propia da orquestra e composta por Xandre Millet no 2021.

Así, a sonoridade da orquestra Sons únese á forza e calidez das voces de Vox Stellae para reinterpretar grandes pezas musicais do Nadal e que van aparelladas á infancia, ás reunións familiares e lembranzas propias desta época.

Subiranse ao escenario 56 artistas (40 músicos de Sons, entre instrumentos de púa/corda, teclados e percusión; e 16 integrantes de Vox Stellae). Así, a orquestra Sons volve explorar e ampliar as posibilidades dos instrumentos de púa, integrándoos nunha proposta escénica de gran riqueza sonora e combinándoos con diferentes familias instrumentais e coa música coral.

Con relación a isto, a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, destacou que “é unha fórmula para dar visibilidade aos instrumentos de púa mediante un repertorio atractivo que nos leva á infancia, reunións familiares e con amizades, así como momentos únicos asociados a esta época. E aquí amósanse as posibilidades da orquestra de plectro. Polo tanto, teremos sobre o escenario un concerto que combina tradición e modernidade, tanto nos instrumentos empregados como nas pezas a interpretar, cunha escolma moi heteroxénea na que non pode faltar a cultura musical galega”.

Pola súa parte, o edil de Festexos, Fernando Abraldes, salientou o labor de Sons ao “unha das poucas orquestras a pulso e púa de Galicia e ter tanto dinamismo como puidemos constar cos concertos que xa tivemos no Auditorio como foi o de Grandes Iconas, que foi todo un éxito e chegaron a ter segundo pase. Tamén é unha alegría ver que están traballando a pleno rendemento despois do susto que tiveron na estrada no mes de xuño. Agradecerlles que nos fagan partícipes do seu talento e achegarnos unha proposta para seguir creando xuntos recordos de Nadal con acento ribeirense”.

Tamén falaron Xandre Millet e Araceli Filgueira, en representación da referida orquestra, para explicar que o traballo de Sons busca tamén “recuperar instrumentos en perigo de extinción con propostas máis contemporáneas como a que presentamos”.

A venda das entradas comeza no luns, 19 de outubro, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase paralelamente na páxina web www.ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da Casa Consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais (só con tarxeta bancaria), o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 31 euros, máis gastos de xestión.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.