O BNG acusa o PP de facer “sabotaxe política” coa residencia de Ribeira

15 Outubro 2026
A parlamentaria da Pobra, Rosana Pérez

A deputada do BNG Rosana Pérez acusou hoxe o PP de facer unha “sabotaxe política” coa residencia de Ribeira e denunciou que a decisión “unilateral” e “partidista” de non construíla nas Saíñas, como esta previsto, supón “condenar a unha comarca na que viven 70.000 persoas —15.000 delas con máis de 65 anos— onde a día de hoxe tan só existen 48 prazas públicas para persoas maiores”.

E engadiu no transcurso da Comisión: “Volveron a un punto de partida que é peor ao de hai 13 anos porque agora non hai nada, nin parcela, nin proxecto, nin orzamento nin vergoña”. Dixo ademais que “non existe ningunha medida legal que impida construír a residencia, tal e como constatou o Goberno do Estado que, en resposta ao BNG nas Cortes, confirmou ademais que non deu instrución de paralizar ningún proxecto”, sinalou, engadindo que “a modificación da normativa estatal sobre zonas de risco de inundación continúa sen existir” e que “a Consellería de Política Social decidiu unilateralmente” anular o proxecto para a construción da residencia na parcela das Saíñas co único obxectivo de derrocar”o goberno municipal que presidía Luís Pérez Barral ata hai un ano”.

Rosana Pérez comentou ademais que “en cumprimento dun acordo unánime do Parlamento en maio de 2025 a iniciativa do BNG, técnicos do Concello corroboraron nun informe que non se aprecia ningunha norma que prohiba a construción dunha residencia de maiores na parcela indicada (Saíñas) e que simplemente haberá de terse en consideracións as medidas de prevención e/ou condicións que considere precisas (…) Augas de Galiza”. Trátase, dixo referíndose ao estudo de Augas de Galicia, “dun informe que o Goberno do PP mantén agochado, se é que existe”.

E engadiu: “A decisión de Política Social de rexeitar a parcela das Saíñas supón ademais desbotar catro anos de traballos e tirar o lixo 800.000 euros de recursos públicos xa investidos, e tamén décadas de reivindicacións e expectativas de preto dos 70.000 habitantes da comarca da Barbanza, que só contan desde 1986 cunha residencia pública de 48 prazas e dúas de xestión privada que non acadan as 150”.

Rosana Pérez cualificou de “falacia e demagoxia” os argumentos do Goberno de Rueda para non construír nas Saíñas e subliñou, neste punto, “que o proxecto xa contemplaba condicións estritas de adaptación aos terreos, como a de situar o primeiro andar a sete metros de altura, o dobre do que ten agora unha das residencias privadas de Ribeira”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.