
A xerente de Solo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, reuniuse este martes 14 de maio co alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, co obxectivo de buscar de maneira conxunta solucións para satisfacer a demanda de superficie industrial na contorna do concello. Sestayo e Pérez Barral coincidiron na necesidade de habilitar solo para as empresas na comarca.
O equipo de SEA, encabezado pola súa xerente Beatriz Sestayo, acudiu na mañá deste martes 14 ao Concello de Ribeira coa intención de abrir vías de comunicación para acadar os devanditos obxectivos.
Na xuntanza decorrida en Ribeira entre o equipo e xerente de SEA, o alcalde, tenentes de alcalde e concelleira de Facenda, abordouse o feito de que os parques empresariais de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira “estean ocupados na súa totalidade” e púxose o foco no “interese xeral do empresariado por instalar as súas compañías na zona”.
Tanto SEA como o Concello de Ribeira coincidiron en destacar que “urxe unha solución rápida a estas demandas”.
O Concello de Ribeira traballa actualmente en buscar apoios para un futuro polígono na súa área de influencia. Sestayo comprometeuse a estudar este proxecto, pero anunciou que SEA apoiará a dotación de solo no lugar no que se demostre “máis viábel, porque o fin é favorecer a esta comarca para que poida seguir xerando emprego a través da implantación de novas empresas ou doutras que necesiten ampliar as súas instalacións. Para iso debemos xerar vías de colaboración entre diferentes concellos e diferentes administracións”.
Pola súa banda, o alcalde Pérez Barral apoia a decisión de SEA “porque a comarca do Barbanza é moi dinámica e necesita espazos onde asentar empresas e xerar empregos”, sinalou, engadindo que a prioridade do Concello pasa por desenvolver o proxecto emprazado no lugar de Pedras Vermellas, para o que é necesaria a cooperación entre institucións, xa que o parque ascende a 258.926 metros cadrados e prevese un investimento de máis de 13 millóns de euros. Barral agradeceu a visita de Sestayo e a disposición para buscar solucións para Ribeira e a comarca do Barbanza.



