“O mellor está por chegar” é unha expresión que se lle atribúe a aquel recoñecido poeta inglés,
Robert Browning (1812-1889), que tantas veces reflexionou sobre o sentido da vida, o paso do
tempo e a vellez das persoas e das cousas. Sobre a esperanza no futuro, que vén de camiño, que
está chegando e chega en cada instante, ao mesmo tempo que se separa. Aínda poden vir tempos
mellores, “moito mellores”, dicía Francisco, o mesmo día que se fora para a Gloria a súa compañeira
de vida e, para o hospital comarcal, a súa nai, Filomena.
Era un futuro precipitado, pero volvemos ao caso, o mellor está en tránsito, en camiño e camiñando
cara o pasado, polas vereas da esperanza. Aí, detrás, está agardando, mentres os cidadáns de boa
vontade andan soñando e, pouco a pouco, pensando na retirada. Mentres os políticos, uns e outros,
valoran a retornada, na volta a aquel lugar de onde partiron. Queren alento e lembranzas para
seguir avanzando ou, cando menos, recordar e confiar na firmeza daquel espazo de onde partiron.
O fillo de Filomena observa varias opcións políticas e asegura que, segundo as súas observacións,
todas elas confían e fían con esperanza no futuro. Ao parecer, unhas confórmanse con ser as máis
votadas das perdedoras, outras queren acadar o éxito de ter, polo menos, un representante nunha
das cámaras de representación, nas dúas ou nas que se poida. E hai opcións que miran para o futuro
e non queren cambiar a mirada ata que podan agarralo coas propias mans, coas mans de todos e de
todas, das loiras ou das brancas, das mouras ou das outras e dos outros.
Se o futuro está por chegar e se está no camiño, aínda que veña paseniño, debemos esperar e ter
confianza nas promesas de que será venturoso. Naturalmente, para uns máis que para outros. Pero
volvendo ao principio, que é o mellor? A Tía Manuela recorda un proverbio xaponés que moitos de
vostedes compartirán: “É mellor viaxar cheos de esperanza que chegar”. Efectivamente, xa o dicía
Aristóteles, pensando nun futuro mellor e vivindo no presente, “a esperanza é o soño dos homes
espertos”, o voso e o noso soño, lectoras e lectores deste xornal. Aqueles que dormen seguido non
son quen de soñar.
Outes, O Porto do Son e Ribeira sumarán 300 novas prazas públicas de residencia para maiores
A Xunta reforza a atención aos maiores no Barbanza con 300 novas prazas residenciais. A conselleira Fabiola García mantivo reunións esta mañá cos alcaldes de Outes e O Porto do Son para avaliar os terreos dos futuros centros. A conselleira de Política Social e...



