O Concello de Ribeira abriu o período de presentación de ofertas dunha nova actuación dirixida á renovación da envolvente térmica do Conservatorio Profesional de Música Enrique Paisal. Trátase dunha intervención cuxo prezo de licitación ascende a 612.167,68, IVE incluído, que está enmarcada dentro da EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, co-financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020 e adscrita á liña de actuación Mellora da eficiencia enerxética de infraestruturas públicas.

De acordo co proxecto técnico elaborado, vanse efectuar os seguintes traballos:
• Retirada de todas as carpinterías existentes, preparación e adaptación de ocos de fachada para colocación de novas carpinterías con vidros illantes.
• Retirada dos revestimentos de mármore existentes das fachadas, demolición das pilastras entre xanelas, e substitución por un sistema de fachada ventilada con illamento e panel de cemento tipo Swisspearl.
• Limpeza e saneado de fachada e achega de illamento e SATE.
• Limpeza e saneado de forxado de cuberta, instalación de illamento e substitución da cuberta de chapa existente.
• Substitución da caldeira existente por unha nova de gas e reforma da sala de caldeiras en soto para adaptación ás novas instalacións necesarias.
• Reparación de humidades interiores.
O prazo de execución son cinco meses.
As empresas interesadas dispoñen ata o 20 de setembro á medianoite para presentar as súas propostas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia.
Máis información do proxecto na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.


