A agrupación Boiro Novo, a través do concelleiro Xurxo Triñanes Hermo, presentou unha proposta para ser tratada en pleno relativa aos recentes cambios no transporte público realizados pola Xunta e Monbus, que, segundo indican, afectan negativamente ao Barbanza a ao concello de Boiro. Na moción proponse instar á Xunta a restablecer as rutas, paradas e frecuencias do transporte público autobús na comarca.

Lembran que o pasado 14 de novembro entrou en funcionamento a nova concesión do transporte público por autobús na comarca do Barbanza, a cal supuxo unha reorganización das liñas, percorridos, paradas e horarios que viñan prestando servizo á veciñanza dos distintos concellos da comarca.
Indican tamén que “se ben a nova concesión foi presentada pola Xunta de Galicia como unha mellora das comunicacións, porén, a súa posta en funcionamento está a provocar numerosas queixas entre as persoas usuarias, que denuncian a desaparición e modificación de paradas e percorridos que viñan utilizando acotío para os seus desprazamentos diarios”.
No caso concreto de Boiro, as modificacións “están a afectar especialmente a determinadas paradas nas parroquias nas que as persoas usuarias quedaron sen servizo debido á supresión das mesmas, tendo que desprazarse ata a rotonda de Cimadevila para coller o autobús”, explica Triñanes, engadindo que o tamaño da marquesiña que hai nesta rotonda “é claramente insuficiente para a cantidade de xente usuaria, mais agora que teñen que vir de outras partes do concello que ficaron sen servizo”.
A agrupación lembra que “estas incidencias non afectan exclusivamente ao Concello de Boiro” e que “outros municipios da comarca están trasladando problemas relacionados coa reorganización das liñas, coa eliminación de servizos e co cumprimento dos horarios previstos”.
Dende a asemblea consideran “pertinente “promover unha posición conxunta dos concellos da mancomunidade de Barbanza-Arousa, “de maneira que a reclamación ante a Administración autonómica conte co respaldo institucional do conxunto da comarca”.
E engaden: “O transporte público constitúe un servizo esencial para garantir a mobilidade da cidadanía e a igualdade de oportunidades, especialmente para aquelas persoas que non dispoñen de vehículo propio. Traballadores, estudantes, persoas maiores e usuarios dos servizos sanitarios dependen destas conexións para desenvolver con normalidade a súa vida diaria”.
Por todo o anterior, consideran necesario “que o Concello de Boiro reclame á Xunta de Galicia unha revisión inmediata da nova organización do transporte público, co obxectivo de recuperar as rutas, paradas e frecuencias que foron suprimidas ou modificadas e garantir unha cobertura adecuada das necesidades reais da veciñanza”.
Tendo en conta o devandito, a agrupación Boiro Novo acordou solicitar os seguintes puntos:
Primeiro.- Instar á Xunta de Galicia a revisar a reorganización das liñas de transporte público por autobús no Barbanza, restablecendo as rutas, paradas e frecuencias existentes con anterioridade á posta en funcionamento da nova concesión que foron suprimidas ou modificadas e que están a ocasionar graves prexuízos á veciñanza.
Segundo. Instar á Xunta de Galicia a recuperar as conexións necesarias para garantir que os núcleos de poboación de Boiro dispoñan dun servizo de transporte público axeitado, evitando que a reorganización das liñas implique a perda de cobertura ou a imposición de desprazamentos adicionais que non existían anteriormente.
Terceiro.- Dotar dos medios axeitados para que as persoas que teñan que agardar o autobús o fagan nas mellores condicións posibles e resgardados das inclemencias do tempo adecuando o tamaño das marquesiñas á cantidade de usuarios das mesmas.
Cuarto.- Instar á Xunta de Galicia a garantir o cumprimento efectivo dos horarios, percorridos e frecuencias establecidos na concesión, así como a adoptar as medidas de control necesarias para evitar que as persoas usuarias sufran esperas inxustificadas ou a falta de prestación dos servizos programados.
Quinto.- Instar ao Concello de Boiro a chegar a un acordo co resto de concellos da Mancomunidade Barbanza Arousa, para artellar unha reclamación institucional conxunta ante a Xunta de Galicia solicitando a recuperación das rutas, paradas e frecuencias suprimidas ou modificadas.
Sexto.- Dar traslado dos presentes acordos á Xunta de Galicia, concretamente á Consellería competente en materia de transporte e á Dirección Xeral de Mobilidade, así como á Mancomunidade Barbanza Arousa e aos concellos que a integran.



