O Parlamento reclama a iniciativa do BNG un plan de mellora de servizos, seguridade e mantemento dos portos de Ribeira

10 Novembro 2026
Rosana Pérez, parlamentaria da Pobra do Caramiñal

A deputada do BNG pola comarca do Barbanza, Rosana Pérez reclamou no Parlamento melloras nos servizos, na seguridade e mantemento dos portos de titularidade autonómica, cun orzamento detallado e un calendario concreto para garantir o seu seguimento. Dixo que a Xunta “somete ao abandono e ao desleixo un dos principais portos do Estado” e considerou “unha burla” os orzamentos previstos 2027 para a zona.

Para a deputada nacionalista, o porto de Ribeira non é “un porto calquera” do 222 que existen en Galiza de titularidade autonómica: “Estamos a falar do porto de baixura máis importante de todo o Estado español, onde teñen base máis de 200 embarcacións de todo tipo, de arrastre, de cerco, de palangre, de artes menores e un porto no que a súa lonxa nin máis nin menos move ao ano máis de 40 millóns de quilos de capturas”, recalcou, cualificando de “gravísimas” as deficiencias que ten a día de hoxe.

Na súa intervención na Comisión de Pesca, Pérez destacou entre elas, zonas de grandes fochancas na explanada da lonxa, onde “xa non é o primeiro carretillo que emvorca a carga, varandas rotas nas escaleiras que soben do mar, ou falta de alumeado onde Portos ten a súa oficina, permanecendo varias noites totalmente a escuras”. No caso da lonxa vella dixo “que xa debería estar operativa para os redeiros tal e como se anunciou varias veces tanto por Portos como pola Consellería” e que “no porto de Ribeira moitas persoas traballadoras, incluídas redeiras e redeiros, seguen a desenvolver a súa actividade á intemperie, doce meses despois das promesas de darlles acubillo nas instalacións da lonxa vella”. 

Engadiu que “tampouco existe limpeza nin mantemento nos pantaláns” e que “no peirao grande hai depositadas embarcacións que arderon hai xa case dous anos e tamén existen problemas de limpeza, mantemento e pavimentación en todas as estradas do porto”. 

Para Pérez, capítulo aparte merece a situación do servizo de vídeo vixilancia, “unha palabra moi rimbombante pero que na práctica non existe”, dixo, engadindo que “as cámaras levan sen funcionar moito tempo, mentres houbo varios roubos, un incendio dun camión, vehículos abandonados que Portos tarda en retirar, xente que ocupa algunha chabola ou vehículos no porto, e mesmo un suicidio que as cámaras non puideron gravar porque non funcionaban”, puntualizou, engadindo que “tampouco hai control de accesos desde hai moitísimos anos, cuestión para a cal fíxose un gasto para nada, como tamén se leva anunciando a dragaxe do porto desde 2024 sen que tampouco se levase a cabo”.

Á marxe do porto de Ribeira, Pérez tamén fixo referencia á situación de “absoluto abandono” dos peiraos máis pequenos como o de Castiñeiras, onde, segundo dixo, “a ramplas segue sen amañarse despois de que o director de Portos anunciase que se ía arranxar”, pero “continúa con fendas por toda a súa pavimentación poñendo en risco a seguridade dos usuarios e usuarias”. Tamén criticou co “abandono e desleixo” do peirao de Aguiño, “con varandas rotas, farois con cables ao aire ou unha escaleira que segue sen amañarse”, dixo, referíndose tamén á situación do peirao de Corrubedo, “onde a súa explanada metía medo porque levaba case dous meses a escuras ata que, despois de que unha asociación veciñal o denunciase, por fin Portos deu a luz”. Porén, sinalou, “as lousetas do espigón están sen repoñer desde os temporais de principios de anos”.

“Estamos a falar dun lugar de traballo onde non existe seguridade laboral”, advertiu.

“Non hai ningún tipo de vixilancia de noite e nas fins de semana”, advertiu.

A deputada nacionalista criticou ademais as partidas orzamentarias destinadas a estes portos para 2027, “nas que para Aguiño contémplanse 10.000 euros para unhas obras de mellora na operatividade do porto que teñen un custo total de 4 millóns de euros”.

No caso da urbanización do porto de Palmeira, o custo total sitúase en 1,7 millóns de euros mentres tamén se contemplan unicamente 10.000 euros para 2027. “Unha auténtica burla”, cualificou, engadindo que “no total de portos galegos, o custo estimado sería de 12,3 millóns de euros pero para 2027 só se reflexa 1 millón”.

No conxunto das infraestruturas pesqueiras, “o orzamento total para o equipamento portuario pasa de 9,5 a 6 millóns de euros”, dixo.

É por iso que o BNG, na iniciativa, propoñía que se dese cumprimento ao que acordou o Consello Sectorial de Pesca de Ribeira xa hai case dous anos, en marzo de 2025, onde se propoñía a Portos “un plan de actuación en materia de mantemento, de iluminación, de seguridade e de dragaxe, con orzamentos detallados e un calendario concreto para seguir, que vemos que nestes orzamentos de 2027 tampouco figura”, advertiu.

Outros artigos

A creatividade dos escolares de Ribeira volverá ilustrar o Nadal

O Concello de Ribeira lanzou unha nova edición do Concurso Escolar de Deseño de Cartel e Postal de Nadal no que, unha vez máis, a creatividade da rapazada volverá ser a protagonista. Este certame repartirá 300 euros baixo o formato de bonos para mercar no comercio...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Dereitos sociais e narcisistas” – José Manuel Pena

“Dereitos sociais e narcisistas” – José Manuel Pena

Quen pode estar en contra do incremento do Salario Mínimo Interprofesional, do incremento dos orzamentos para a sanidade pública, a educación pública, para a construción de vivendas públicas; para o mantemento e incremento do ingreso mínimo vital ou das pensións non...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.