
O Concello de Boiro está a levar a cabo as obras para a renovación do tramo da tubaxe de impulsión da Estación de Tratamento da Auga Potable (ETAP) de Boiro. Trátase dunha actuación dun importe de 96.355 euros que pretende a renovación das estruturas actuais de fibrocemento así como sistemas de purga nos puntos altos e válvulas nos baixos.
O Concello explicou que “mediante esta actuación o que se pretende é aumentar a capacidade de resposta ante episodios de seca e picos de demanda como os producidos este verán”. O que se proxecta con esta actuación é a renovación do primeiro tramo de tubaxe dende a sala de bombas ata o punto de conexión co tramo existente cunha maior sección e mellores características sanitarias.
Esta é unha das medidas a curto prazo que o Concello de Boiro ten previstas xunto con outras a medio prazo, como son a mellora da captación de auga nas concesións actuais dos ríos municipais para incrementar a capacidade global e o estudo para o uso de pozos de barrena en minas ou mananciais para reforzar zonas concretas; o incremento da acumulación, mellorando a capacidade dos depósitos secundarios para dar soporte complementario á rede; e o control intensivo de perdas mediante unha auditoría contra fugas e dobre control en grandes consumidores industriais, zonificando as áreas críticas.
O Concello engadiu que “estas medidas a medio prazo fundaméntanse en dous factores que son o climático e o aumento poboacional”. En canto ao factor climático, de acordo cos datos de Meteogalicia, as precipitacións acumuladas nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro de 2026 en Boiro sitúanse nos 93 litros/m2, o que supón un descenso do 54% respecto ao 2025, “o que reflicte como a situación de seca incidiu gravemente no servizo de abastecemento”, sinalaron dende o Goberno local, engadindo que “a este descenso dos recursos hídricos súmase o incremento da poboación que soporta Boiro durante os meses do verán”. Segundo os datos analizados do INE, a plataforma do Sistema de Intelixencia Turística da Xunta de Galicia e a plataforma Turismo Rias Baixas, o municipio pasou dos 38.000 visitantes rexistrados en 2023 aos 47.000 en 2026, o que representa un incremento superior ao 23% en catro anos.
Os datos analizados sinalan que Boiro chegou a soportar picos de poboación superiores ás 36.000 persoas entre o 15 de xullo e o 15 de agosto. “Este aumento da presión estacional vai acompañado dun incremento da oferta turística e, dende o 2023, o municipio incorporou 82 novas prazas de aloxamentos rurais e 47 novas unidades de aloxamentos pola transformación de locais comerciais”, informou o Concello, apuntando que “esta tendencia de crecemento podería continuar nos vindeiros anos, podendo alcanzar os 55.000 visitantes na tempada estival do ano 2030, o que suporía unha escalada do consumo extra diario dos recursos hídricos por riba dos 12.000 metros3/ dia nos meses de menores precipitacións, polo que é preciso proxectar actuacións que solucionen o problema actual e outras que permitan anticiparse aos problemas de abastecemento que se poden dar no futuro”.



