
Quen pode estar en contra do incremento do Salario Mínimo Interprofesional, do incremento dos orzamentos para a sanidade pública, a educación pública, para a construción de vivendas públicas; para o mantemento e incremento do ingreso mínimo vital ou das pensións non contributivas; para a igualdade salarial; para manter os dereitos laborais; a loita contra a violencia machista; a loita en contra da desigualdade social; a xustiza social e un longo etcétera de prestacións e dereitos que converten a calquera sociedade en moito máis xusta, libre e democrática.
A triste e lamentable realidade é que aínda hai xente que mostra a súa contrariedade e oposición ao avance de moitos destes dereitos sociais, porque se cren privilexiados e impunes ante calquera tipo de adversidade. Viven no seu mundo parasitado polos luxos, os vicios e o narcisismo pero sempre teñen tempo para criticar ao resto de mortais que para sobrevivir teñen que recibir a axuda e o amparo das diferentes Administracións Públicas. Non para o lecer ou a diversión, senón para poder comer, pagar o alugueiro, poder ir ao odontólogo, ao podólogo ou ao oftalmólogo (non cubertos pola seguridade social) e facer fronte ás cuestións máis básicas da supervivencia, cun mínimo de dignidade humana.



