
O Concello de Ribeira lanzou unha nova edición do Concurso Escolar de Deseño de Cartel e Postal de Nadal no que, unha vez máis, a creatividade da rapazada volverá ser a protagonista. Este certame repartirá 300 euros baixo o formato de bonos para mercar no comercio local: un único premio de 150 euros en cada modalidade, distribuídos en cadanseus 100 e 50 euros. Os nenos e nenas que resulten agraciados/as disporán ata o 31 de xaneiro de 2027 para trocar ditos bonos.
“A rapazada de Ribeira poderá compartir novamente o seu talento artístico co conxunto da cidadanía mediante este concurso que elixirá o deseño a empregar na difusión da programación municipal destas datas e a postal que felicitará as festas aos nosos veciños e veciñas. Deste xeito, obsequiarannos coa súa creatividade a través dun certame que tamén involucra a familias e comunidade educativa, ademais de contar co comercio local nos que se poderán trocar os bonos que servirán como premios”, segundo explicou a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
Dinámica do certame
Segundo explicou Barreiro, poderán participar tódolos nenos e nenas que estean escolarizados nos niveis de infantil e primaria dos centros educativos de Ribeira. A temática a abordar nas súas creacións deberá estar relacionada co Nadal e só se poderá presentar unha obra en cada categoría, podendo aplicar calquera técnica pictórica sobre cartolina ríxida ou material semellante, sen texto ningún.
O prazo de recepción das obras remata ás 15.00 horas do 24 de novembro; entrega que se deberá formalizar no Centro Cultural Lustres Rivas, de luns a venres, en horario de 09.00 a 15.00 horas.
O xurado estará composto por tres persoas vinculadas á cultura e pola concelleira desta área ou a persoa en quen delegue e reuniranse no 25 de novembro para emitir o seu ditame.
Método de entrega
Cada traballo asinarase cun pseudónimo na parte traseira para garantir o anonimato; pseudónimo que se deberá empregar tamén no exterior do sobre pechado que acompañará a obra a entregar. Así mesmo, no exterior dese sobre, deberán figurar a idade do concursante e modalidade na que participa, mentres que o seu interior deberá contar cos seguintes datos: nome e apelidos da nena ou neno, data de nacemento, curso e centro de ensino, lugar de residencia e teléfono de contacto dos seus proxenitores ou titores legais.
En caso de que as obras presentadas a concurso sexan entregadas no seu conxunto polo centro educativo, deberase presentar un sobre pechado cos datos indicados e pegado detrás de cada obra ou, no seu defecto, un único sobre pechado que no seu interior conteña unha listaxe de participantes coa información xa referida.
As bases completas poderán ser consultadas na páxina web municipal.



