As familias de Ribeira poderán optar novamente ao servizo municipal de conciliación durante o Nadal

06 Novembro 2026

O Nadal trae consigo o remate do primeiro trimestre do curso escolar e, tamén, un período de vacacións para a rapazada, polo que o Concello de Ribeira promove unha nova edición do programa de conciliación no seu obxectivo de compatibilizar a vida persoal e laboral das familias durante esta época.

Este servizo brindarase do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, de luns a venres, agás festivos, de 09.00 a 14.00 horas, no Conservatorio Municipal de Música “Enrique Paisal”, se ben usarase o pavillón do CEIP O Grupo para actividades deportivas e comedor.

A maiores, cóntase cos tramos adicionais correspondentes ao Servizo de Madruga, de 07.45 a 09.00 horas, e comedor, de 14.00 a 16.00 horas.

“A rapazada está a piques de desfrutar do primeiro período longo de vacacións e o Concello de Ribeira amosa, unha vez máis, que está ao carón das familias con esta nova edición do programa Nadal Concilia. Trátase dun servizo que goza de gran demanda e satisfacción cidadá e que garante a pais e nais que os seus fillos e fillas están atendidos por profesionais, ao mesmo tempo que os pequenos seguen aprendendo e divertíndose. Pero tamén se continúa educando fóra da casa mediante o fomento de habilidades, valores e hábitos saudábeis”, destacou o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, xunto á coordinadora da área, Francisca Vidal.

Ofértanse un total de 50 prazas dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos.

O prezo da matrícula sitúase nos 40 euros, se ben, a Administración local aplicará bonificacións ás familias que reúnan os requisitos establecidos nas bases.

Prazos e pago da matrícula

Ábrese un prazo de preinscrición do 6 ao 22 de novembro. As solicitudes poderán formalizarse de maneira presencial no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios ou na Oficina de Atención Cidadá do Concello, con horario de atención ao público de 09.00 a 14.00 horas, presentando a ficha de inscrición cuberta, a folla de autorización asinada, copia do DNI do participante e do pai/nai/titor e demais documentación exixida. Tamén hai opción de facer o proceso de maneira telemática na sede electrónica municipal, dentro do apartado de Trámites destacados e Solicitude xenérica.

Deberase tramitar a solicitude de carácter xeral e acompañala dos documentos anteriormente indicados.

As listaxes de admisión, agarda e vacantes publicaranse no 30 de novembro. Chegado o momento, as persoas que aparezan como admitidas deberán realizar o pagamento do importe correspondente, (con ou sen bonificación) mediante autoliquidación do 12 ao 18 de decembro, inclusive. Unha vez realizado o pagamento, deberase entregar o xustificante no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios antes do inicio da actividade.

Condicións para a bonificación

O Concello de Ribeira aplicará un desconto do 20% sobre o importe de matrícula á rapazada de familias que reúnan unha serie de condicións e así o acrediten previamente cos documentos pertinentes:

· Familias que teñan o título de familia numerosa.

· Familias monoparentais que o acrediten documentalmente co certificado oficial.

· Familias con dous ou máis inscritos/as nesta actividade: o desconto aplicaríase na matrícula do segundo fillo/a e sucesivos.

· Familias nas que, ao menos, un dos seus membros sexa desempregado/a de longa duración (que teñan acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregados/asna oficina de emprego de 180 días se fosen menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 365 días se fosen maiores de 25 e menores de 45 anos de idade, debendo presentar vida laboral e/ou certificado de períodos de inscrición na Oficina de Emprego).

· Familias nas que o propio participante acredite unha discapacidade de polo menos o 33% (acreditando tal condición co certificado de discapacidade).

Tamén se reserva o 10% das prazas, cunha bonificación da totalidade das taxas, para emerxencia social.

Outros artigos

A Xunta concede á praza de abastos de Boiro o seu Mercado Excelente

A Xunta de Galicia concedeu á praza de abastos de Boiro o selo de Mercado Excelente, un distintivo que identifica aquelas instalacións que destacan pola súa modernidade, innovación e dinamización, sen perder a súa autenticidade, tradición e trato personalizado. Así o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

Hai bos xuíces, profesionais e valentes que cumpren coas súas obrigas. Un deles, sen dúbida, é Borja Pérez, titular do Xulgado Número 2 de Ribeira. Dita un auto xudicial polo cal suspende o lanzamento dunha familia vulnerable de Ribeira, en aplicación do novo RDL...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.