
O Concello de Rois celebrou onte, xoves 5 de novembro, a entrega de diplomas do curso de introdución á lingua e á cultura galegas. A formación, impartida pola profesora Noelia Amado, reuniu alumnado procedente do Brasil, Cuba, Venezuela, Sri Lanka e Euskadi.
No acto, celebrado no Fogar do Selmo (Poño, Urdilde), participaron o alcalde de Rois, Ramón Tojo; a concelleira de Cultura, Educación e Lingua, Victoria Quiroga; o concelleiro de Xuventude, Deportes e Asociacións, José Luis Ares; a técnica de Normalización Lingüística, Inma Seage, e a propia docente.

Durante a entrega, Ramón Tojo salientou a dimensión social desta iniciativa. “Estes cursos son un punto de encontro para as persoas retornadas e para quen chega de fóra. Coñecer a nosa lingua e a nosa cultura axúdalles a participar na vida cotiá de Rois e a sentirse parte da comunidade”, afirmou o alcalde.
O curso desenvolveuse do 1 ao 14 de setembro no local social de Urdilde, cun total de 20 horas de formación. A través dunha metodoloxía participativa e de situacións reais de comunicación, o alumnado achegouse ás nocións básicas do galego e da cultura de Galicia, co obxectivo de facilitar o uso do idioma na vida diaria.
Organizada polo Concello de Rois en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a actividade foi gratuíta e estivo dirixida a persoas maiores de 16 anos que quixesen iniciarse no galego ou mellorar os seus coñecementos, sen necesidade de formación previa. O alumnado contou con material didáctico adaptado facilitado pola Xunta.




