Hai nenos e mozos recoñecidos como fascistas ou aprendices deles en España que, ben porque os enganaron ou porque os pais e avós, non soubemos contarlles a verdade do acontecido na España vivida por nós entre 1936 e 1975, un periodo de tempo dunha ditadura entre militar e civil no que o cárcere era un destino doado. Non era menos doada a morte comp aconteceu a milleiros de persoas durante a incivil guerra padecida entre 1936 e 1939 derivada dun golpe de Estado que, finalmente, encabezou o xeneral ferrolano e que permitiu a este dictar ordes de encarceramento e/ou afusilamento a outros milleiros de españois por causas tan “sensíbeis” como a pertenza a un sindicato, un partido político ou, simplemente, escoitar programas de radio emitidos desde centros emisores radicados fóra de España como podían ser Radio París, a BBC ou, con máis motivos aínda, Radio España Independente (identificada naquela España como Radio Pirenáica) con Dolores Ibárruri “A Pasionaria” coma figura estelar para a audiencia española.
A aquel militar autonomeado Xeneralísimo, finalmente instalado no palacio do Pardo (Madrid), de quen partiu un rosario de condeas a morte que deixaron en gabias ou foxas descoñecidas a cidadáns españois cuxo único “pecado” fora ser ou ter sido “roxo”, saúdan hoxe en día brazo en alto e cánticos coma o “Cara al sol” as novas fornadas de españois que, a diferenza de seus avós ou bisavós, se forman en centros universitarios aos que os seus maiores non tiveron en moitos casos acceso porque tampouco as universidades eran asequibles a todas as economías nen estaban -a efectos das poucas becas que se outorgaban- ao alcance de quen, malia dispor das cualificacións establecidas, optaban a estudar unha carreira e carecían dos “padriños” que os avaliaran ou do apoio económico necesario para se pagar unha fonda ou un colexio maior.
Galicia é un espello ao que se mirar, cunha única universidade (hoxe tres) se ben é certo que tampouco a demanda de prazas era daquela excesiva dado o custo da estadía en fondas ou pensións ata ben entrados nos anos 50-60 do século pasado xa con colexios maiores aos que acceder mediante bolsa de estudos ou polo poder adquisitivo do universitario.
Con estes antecedentes hai motivos para dubidar dos argumentos das novas xeracións para tentar repetir as experiencias de aquelas outras xuventudes que se acubillaron na Guerra Civil para xustificar o seu corazón “partido”.
…



