
A Confraría de Pescadores “Virxe do Carme” de Rianxo puxo fin ás actividades da campaña O valor do mar non só é o que se ve cunha acción de sensibilización dirixida a concienciar sobre os efectos do furtivismo e a importancia de protexer os recursos mariños e o traballo dos profesionais do sector.
Dende o pósito lembran que “a extracción e comercialización ilegal de produtos do mar prexudica a conservación dos recursos e xera unha competencia desleal para as persoas que desenvolven a súa actividade de forma profesional e conforme á normativa”.
Ademais, os produtos procedentes da extracción ilegal non están sometidos aos mesmos controis que os que chegan ao mercado a través das canles autorizadas, o que pode supoñer un risco para as persoas consumidoras.
Co obxectivo de contribuír á sensibilización sobre esta problemática, a Confraría deseñou tres pezas gráficas con mensaxes adaptadas a diferentes públicos e espazos, que foron distribuídas por distintos puntos de Galicia, con especial atención ás zonas costeiras. A cartelería colocouse durante os meses de verán, coincidindo co período de maior afluencia a praias, chiringuitos e outros espazos vinculados ao lecer e ao consumo de produtos do mar.
As mensaxes incidiron “na protección dos recursos e do traballo do sector, a importancia de coñecer a orixe dos produtos e o papel das persoas consumidoras á hora de elixir produtos con rastrexabilidade”. Deste xeito, a campaña buscou trasladar a problemática do furtivismo fóra dos espazos estritamente profesionais e achegala á cidadanía e ás persoas consumidoras.
Con esta actuación finaliza unha campaña que abordou a realidade do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola desde diferentes perspectivas, poñendo en valor a súa actividade, a súa sustentabilidade e a súa contribución ao territorio.



