O encontro veciñal Un café co alcalde chegou este xoves 14 de maio a Boiro, onde o alcalde, José Ramón Romero, e os demais membros do Goberno local explicaron as principais inversións que se levan feito no núcleo urbano e demais núcleos da parroquia; e atenderon as principais demandas da veciñanza.

En canto aos proxectos máis destacados o alcalde salientou “as actuacións que se están a levar a cabo para humanizar e dar unha segunda vida aos edificios das antigas vivendas dos mestres de Praia Xardín que se van transformar, de man de entidades sociais, nun centro de día e en vivendas tuteladas para prestar un mellor servizo á veciñanza”.
O alcalde destacou tamén “as melloras en ordenación do tráfico coa apertura de novos espazos de aparcamento” e “a creación dun novo tramo de carril bici”.
Do mesmo xeito adiantou os proxectos de pavimentado que se van a levar a cabo nos vindeiros meses en diversas estradas e rúas do núcleo urbano e a parroquia.
Estes encontros teñen como finalidade ter un contacto máis directo coa veciñanza e darlles a oportunidade de que trasladen as súas peticións e demandas sen necesidade de ter que desprazarse ao Concello, complementando así as xuntanzas particulares que se manteñen con todos aqueles veciños que así o solicitan. Mediante este formato de xuntanzas veciñais o alcalde e outros membros do goberno local están a visitar todas as parroquias, a seguinte será a de Cures.




