Noia legaliza o seu Punto Limpo

21 Setembro 2026

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”.

A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a xestión e garantir o correcto funcionamento deste servizo”, engadiu o Executivo, lembrando que xa en 2020, a Xunta de Galicia remitira unha comunicación ao Concello advertindo de que “a actividade de xestión de residuos domésticos desenvolvida no Punto Limpo estaba suxeita a autorización administrativa e que a instalación carecía da correspondente autorización”. Naquel apercibimento, sinalou o Concello, “indicábase expresamente que o exercicio desta actividade sen autorización constituía unha infracción grave, conforme á normativa vixente naquel momento, e podía levar aparelladas sancións de ata 300.000 euros”. O executivo recordou que a situación permaneceu “sen regularizar durante os seguintes anos”, mais foi o 1 de outubro de 2025 cando o novo Goberno municipal puxo en marcha os traballos necesarios para resolvela, encargando a unha empresa de enxeñaría especializada a tramitación técnica necesaria para conseguir a legalización do Punto Limpo.

O expediente foi coordinado polo tenente de alcalde, Manolo Seijas, e polo concelleiro de Medio Ambiente, Abel Pan, coa colaboración do persoal técnico de Secretaría, da Axente de Desenvolvemento Local e da empresa de enxeñaría encargada dos traballos.

Desde o Goberno municipal destacan “a complexidade dun expediente que requiriu numerosos trámites técnicos e administrativos, así como un importante traballo de coordinación durante os últimos meses”.

Seijas salientou que “desde 2020 existía unha advertencia expresa da Xunta e era necesario resolver unha situación que levaba anos pendente. Desde o inicio do novo Goberno puxémonos a traballar para regularizar o Punto Limpo e hoxe ese traballo dá os seus froitos”.

Unha vez resolta a situación administrativa, o Goberno municipal quere avanzar agora na mellora da xestión económica do servizo. Actualmente, o Punto Limpo supón para as arcas municipais un gasto de arredor de 180.000 euros anuais.

Durante o último ano, o Concello conseguiu reducir aproximadamente nun 20 % o custo da súa xestión, e o obxectivo é continuar avanzando nesta liña, “estudando novas fórmulas que permitan prestar o servizo con maiores garantías e dunha maneira máis eficiente”.

Para Seijas, “legalizar o Punto Limpo é un avance fundamental. Poñemos fin a unha situación irregular que se prolongou durante anos e abrimos unha nova etapa na que podemos centrarnos en mellorar a xestión, reducir o custo que supón para o Concello e conseguir un servizo máis eficiente para a veciñanza”.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.