Ribeira marchará por quinta vez contra o cancro no 16 de maio

12 Maio 2026

A cidadanía volverá camiñar por unha boa causa coa quinta edición da Andaina Solidaria “Ribeira en Marcha Contra o Cancro” que botará a andar no sábado, 16 de maio, por parte da xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en colaboración co Concello.

O circuíto partirá ás 18.00 horas dende a praza do Concello para percorrer 5 quilómetros a carón do litoral pola zona de Coroso, con chegada establecida na dita praza.

En representación do Concello asistiron o concelleiro de Sanidade, Vicente Mariño, e o edil de Deportes, Álex Vidal. Mariño destacou que esta proba “é outro exemplo do dinamismo do que goza a xunta local de Ribeira da Asociación Española Contra o Cancro. Hai escasas semanas asistíamos á súa gala-cea solidaria que foi todo un éxito. E agora toca dar pasos cara adiante na investigación para lograr ese obxectivo marcado de superar o 70% de supervivencia ao cancro en 2030. Seguro que unha marea verde de cor esperanza encherá Ribeira nesta marcha do sábado.”

Pola súa parte, a presidenta da xunta local da AECC, María José Carreira, xunto á secretaria, María Jesús Paz, e a vogal, Loli Ramos, anunciou que esta é “a última andaina que faremos en Ribeira”, pois optan por quedar só coa de Aguiño ao contar cun “itinerario excepcional” e debido á cantidade de iniciativas que proliferan en formato de andaina. Avanzou, ademais, que nesta marcha haberá exhibición de kempo da man de José Cardalda e de zumba de Mimarte, antes da saída dos camiñantes. Carreira aproveitou a ocasión para ter unhas palabras de agradecemento pois en vindeiras datas deixará a presidencia, unha vez teña lugar a travesía a nado.

Amosouse satisfeita polo traballo feito ao longo dos 28 anos na entidade (12 deles como secretaria e o resto como presidenta) e auguroulle os mellores desexos a María Jesús Paz, quen asumirá a nova etapa.

Ata o de agora hai máis dun cento de persoas inscritas e o prazo continúa aberto por un importe de 5 euros por adulto e de 3 euros por neno e nena ata 12 anos. Ademais, quen non poida asistir, pero desexe igualmente botar unha man, poderá adquirir o Dorsal Solidario. Estas inscricións poderán formalizarse no propio día da proba no stand habilitado na praza do Concello dende a mañá ou no local da AECC no municipio. Tamén hai a opción en liña a través de enmarcha.contraelcancer.es. O recadado irá destinado á investigación contra o cancro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...