
A mañá da cuarta xornada da IX Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo que se está a celebrar estes días en Rianxo comezou ás 10:00 h deste sábado coa primeira saída de navegación tradicional a bordo do balandro Santa Cruz, en colaboración con Bluscus Galicia Marinera. Deseguido celebrouse Facendo un novo sancosmeiro, unha actividade na que AGALCARI e Astilleros Catoira presentaron esta iniciativa de recuperación do sancosmeiro, unha embarcación tradicional da ría de Muros Noia. Un proxecto, promovido polo Concello de Outes e a Asociación Cultural Terra de Outes, que se atopa nas últimas fases de construción.

Partindo duns planos recuperados polo mestre carpinteiro de ribeira Gerardo Triñanes, está a ser desenvolvido da man de Ramón Collazo seguindo as técnicas tradicionais. A mañá pechouse coa segunda saída programada de navegación tradicional.
A xornada continuou pola tarde coa proxección de catro filmes correspondentes ao derradeiro bloque de Competición Oficial. Abriu este último programa Water to the Wall, de Becky Manson (Reino Unido, Escocia, 2025), un filme que nos traslada ata as illas Orcadas, ofrecendo un retrato meditativo dunha comunidade na que o mar sempre definiu a vida, explorando como o pasado segue a dar forma á vida nas illas. Si el silencio fuera azul, de B. Rojas, G. Muñoz Garay, M. Fuenzalida, M. J. Cardemil e M. Pompermayer (España, Cataluña, 2025), narra como baixo a auga as especies se comunican e como se mantén o equilibrio do ecosistema mariño no medio dun mundo de sons ameazado polo ruído dos humanos.

A seguinte obra que se proxectou foi El Draa, de Francesco Rubattu (Italia, 2026), un filme ambientado no porto de Chioggia, ao sur de Venecia, no que as lembranzas do último dragón mariño do Adriático fan tremer a lagoa nun mar que parece cada vez máis esgotado. Pechou o bloque Seablindness, de Tereza Smetanová (Eslovaquia, 2025), un poema documental que explora a ansiedade ecolóxica nun mundo onde o 90% de todo o que se consume chega por barco, convertendo os portos nese espazo intersticial onde o capital se concentra e se distribúe.
A continuación, ás 18:00 h, proxectouse Altamar, de Ernesto Jara Vargas (Costa Rica, Colombia, 2024), o segundo filme da sección Proa. Ernesto Jara Vargas somérxenos na vida de Ely, pescador de Puntarenas, en Costa Rica, para comprender a dualidade de sentimentos que o acompañan cando se enfronta á dureza dunha vida separada da terra e da súa familia, á atracción coa que o mar o empurra a continuar nunha profesión que contempla transmitir ao seu fillo. Unha vida marcada por longas xornadas de traballo que, co paso dos anos , van deixando pegada no seu corpo e na súa mente.

Pechou a xornada a Sección Galega, celebrada por segundo ano e na que se proxectaron catro filmes. Abriu a sección A costa e os castelos, de Alejandro Gándara (Galicia, 2026), un relato que combina a investigación histórica cunha ollada curiosa cara a nosa relación co patrimonio, a través dunha viaxe polos castelos, torres e pazos da Costa da Morte. A continuación foi a quenda de O mar é o meu chan, de Xoán Vázquez (Galicia, 2026), que narra os inicios da historia do surf en Galicia, onde nos anos 70, un grupo de mozos coruñeses lanzáronse a coller ondas nas praias da cidade.
A poza matriz, de Nancy Frey (Galicia, 2026), formula preguntas sobre a nosa conexión con outras formas de vida, sobre o que pode acontecer cando nos achegamos a outra vida cunha curiosidade serena e canto nos pode dar (e quitar) un encontro. Para rematar a sección proxectouse Un mar de mulleres, de Sabela Brand (Galicia, 2025), un documental que visibiliza o papel das mulleres galegas no sector pesqueiro e na transformación de peixe, destacando a súa participación laboral, a fenda salarial de xénero e os cambios nas condicións de traballo entre o século XX e o XXI. Alejandro Gándara, Xoán Vázquez e Nancy Frey estiveron presentes na sesión, presentando os seus filmes e participando nun coloquio posterior co público presente na sala.
A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).



