Na mañá deste sábado 17 de outubro a asociación Noia Limpa levou a cabo unha nova xornada de limpeza da praia de Testal, no marco da XV Limpeza Simultánea de Praias promovida por ADEGA.
Grazas ao traballo das persoas voluntarias, conseguíronse retirar un total de 70 kg de residuos, que, unha vez rematada a actividade, foron trasladados ao Punto Limpo de Noia para a súa correcta xestión.
Como adoita ser habitual, tratábase principalmente de plásticos pero tamén restos de material de praia (un parasol esnaquizado) e apeiros de pesca.

Desde o Concello agradeceron ao colectivo Noia Limpa a organización desta iniciativa e o “seu compromiso constante co coidado da nosa contorna, así como a todas as persoas que dedicaron parte da súa mañá a colaborar na limpeza da praia”.



