A Deputación destaca o Lab Barbanza como “referente para impulsar o talento” na clausura da III Feira de Emprego do Barbanza

16 Abril 2026

O Lab Barbanza de Boiro acolleu este xoves 16 de abril a III Feira de Emprego do Barbanza, un evento que volveu converterse nun punto de encontro entre o tecido empresarial da comarca e persoas en busca de novas oportunidades laborais. Na clausura da actividade participou (entre outras representantes institucionais) a deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, quen acudiu na compaña do alcalde, José Ramón Romero. Coincidiron en sinalar o papel deste espazo como “motor para a economía da comarca” e “punto de encontro real entre o talento e as necesidades das empresas”.

Durante a xornada desenvolvéronse mesas redondas e obradoiros especializados nos que se abordaron cuestións clave do mercado laboral actual, como a relación entre produtividade e benestar, a conexión entre a Universidade, a Formación Profesional e o tecido produtivo, ou a importancia da marca empresarial para fidelizar clientela.

Na súa intervención, Rosa Ana García puxo en valor o papel do tecido empresarial local e das entidades colaboradoras, destacando que “o Barbanza é unha comarca dinámica, con capacidade de adaptación e cun importante potencial para xerar oportunidades”. Así mesmo, animou ás persoas asistentes a aproveitar os contactos e ferramentas adquiridas durante a feira: “O talento está aquí, e desde a Deputación imos seguir traballando para que poida desenvolverse aquí”, afirmou.

Lembrou tamén que o Lab Barbanza forma parte da Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña, unha iniciativa orientada a dinamizar as economías locais e apoiar o emprendemento fóra dos grandes núcleos urbanos.

Na actualidade, esta rede conta con 12 espazos distribuídos por toda a provincia, que teñen servido de impulso para máis de 200 proxectos emprendedores nos últimos anos. No caso do Lab Barbanza, o centro consolidouse como un recurso de referencia na comarca, ofrecendo acompañamento personalizado, infraestrutura técnica e un espazo colaborativo que facilita a transformación de ideas en proxectos empresariais viables.

Durante o acto de clausura, a Deputación agradeceu tamén ao Concello de Boiro a organización do evento e a súa implicación no impulso de iniciativas que favorecen o emprego e o desenvolvemento económico local.

O Lab Barbanza permanece aberto de forma continuada como un servizo público ao dispor de persoas emprendedoras e empresas da comarca. “Temos que seguir construíndo un Barbanza con máis oportunidades, con máis actividade económica e con máis emprego, apoiándonos no talento da súa xente”, concluíu a deputada.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...