Precipitacións localmente fortes na metade oeste de Galicia e refachos de vento moi fortes no litoral e zonas altas. Activadada este xoves a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego
O xoves estará condicionado pola chegada dunha nova fronte activa pola costa, que avanzará ao longo da mañá e deixará unha circulación do sur intensa. Durante as primeiras horas do día agárdanse ceos con nubes e claros no leste, mentres que na fachada atlántica a nubosidade irá en aumento, comezando as chuvias a partir de media mañá.
Xa pola tarde, as precipitacións xeneralizaranse en boa parte da comunidade, podendo ser localmente fortes en puntos das provincias da Coruña e Pontevedra. As temperaturas mínimas subirán de xeito moderado, mentres que as máximas non rexistrarán cambios significativos.
O vento soprará do sur con forza, con refachos moi fortes no terzo norte, especialmente no litoral e nas zonas altas, rolando a noroeste tras o paso da fronte.
De cara ao xoves 18, recoméndase especial atención ante a previsión de precipitacións localmente fortes na metade oeste de Galicia e refachos de vento moi fortes no litoral e en áreas elevadas.

O noso mar: Vento do sur á mañá e á tarde e do norte á noite, forza 5 a 7 á mañá e á tarde e 3 a 5 á noite. Forte marusía á mañá e á noite e media vaga á tarde. Visibilidade regular á mañá e mala á tarde e á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 4.5 a 5 metros á mañá e á noite e 5 a 5.5 metros á tarde.



