A Xunta de Galicia activará para este xoves a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego co obxectivo de garantir a seguridade das persoas e dos bens. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia a concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais, agrupacións de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros organismos.
Segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a madrugada do xoves no litoral da provincia da Coruña, mentres que en Pontevedra e Lugo comezará nas primeiras horas da mañá. Espérase mar combinada de oeste e noroeste con ondas que poderán acadar os sete metros de altura, así como ventos do sur ou suroeste con forza de ata oito.
Como consecuencia desta situación, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou a suspensión da actividade deportiva no mar, tanto do programa Xogade como da actividade federada, durante a xornada de mañá. As suspensións entrarán en vigor de maneira progresiva: ás 03.00 horas nos concellos da costa oeste da Coruña; ás 05.00 horas na costa noroeste desta provincia; ás 06.00 horas na costa suroeste da Coruña, nas Rías Baixas e na zona do Miño en Pontevedra; e, no caso da Mariña de Lugo, a partir das 09.00 horas.
A Xunta lembra a importancia de extremar as precaucións e manterse afastado da liña de costa, especialmente de diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén recomenda revisar os cabos e amarres das embarcacións e evitar calquera actividade no mar mentres se manteña activa a alerta laranxa.




