“Comemos e bebemos en galego?” – Xosé González Martínez

12 Decembro 2025

A pregunta vén a conto porque aínda hai moita xente que non é consciente da importancia que ten consumir produtos etiquetados en galego. O seu efecto nos mercados é dobre: apoiar e fomentar o uso da lingua galega nas marcas comerciais; a maiores, consumindo eses produtos, estariamos a facer viable as explotacións agroalimentarias e as súas industriais transformadoras.

Asi o expresaron o Foro E. Peinador e a Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros na Carta do Consumo Responsable e Solidario: “Cando eliximos os produtos a consumir, temos a opción de escoller aqueles que están a manter unha economía sostíble que xera riqueza, valor engadido e emprego de proximidade, ao tempo que axudan a manter viva unha cultura, unha lingua e unha forma de sermos”.

Xa que logo, temos un deber solidario e responsable. Solidario coas empresas e persoas emprendedoras que deron o paso arriscado de identificaren as súas ofertas etiquetándoas en galego, procurandolle ao noso idioma unha pervivencia no futuro; e responsable, porque amosar preferenza polos produtos galegos contribúe ao desenvolvemento económico do país, ao tempo que garante a fixación de poboación en todo o territorio.

Xa outros antes ca nós, moitas décadas atrás, expresárono con nidieza. Por exemplo, a Unión de Colleteiros do Ribeiro do Avia constituída en 1936. Dixérono asi no manifesto fundacional: “Pensade que ao defender os produtos da nosa terra, estades defendendo o pan dos nosos veciños, os intereses dos nosos amigos e a gloria do noso país, evitando a fame”.

Galeguizar Galicia implica extender o uso da lingua galega a todas empresas do sector agroalimentario. Un envase que se rotule en lingua galega é unha mostra da importancia que ten o idioma para estimular o prestixio da nosa identidade nacional. A lingua galega debe ter máis usos que os meramente literarios, e disto aínda non se decataron moitos. A táboa de salvación dun idioma está na economía e na ciencia, dous esteos fundamentais para garantirlle un futuro certo, transferíndolles o prextixio social que agora mesmo está coutado por mor desa cativa compoñente cultural e literaria.

O labor desenvolvido polo Foro E. Peinador nos últimos vinte anos foi fundamental para procurarlle ao noso idioma espazos ata entón vedados. O 85% da produción leiteira etiquetase en galego; no sector vinícola por aí lle anda na mesma porcentaxe. A cada pouco aparecen novas marcas comerciais que buscan no noso idioma un sinal de identidade para reforzar as denominacións de oríxe. Nos mercados globais hai que estar con personalidade propia, e iso sábeno moi ben as marcas de licores, por exemplo, que se consomen en restaurantes e cafeterías tamén en Galicia, todas elas etiquetadas en cadansúa lingua de procedencia.

O proceso de galeguización empeza a notarse, mais non no ritmo desexado. Aínda quedan moitos estrategos comerciais que lles desaconsellan aos seus clientes o uso da lingua galega, cando buscan unha nova imaxe para os seus produtos. Eses profesionais son unha mostra do fracaso do sistema universitario galegos no que aniñan e se reproducen os complexos lingüísticos de inferioridade, formando aos futuros profesionais da comunicación con esas eivas intelectuais.

A economía galega medrará galegamente na medida en que consumidores queiran. E non esquezamos que moitos consumidores teñen adscricións sindicais e políticas. As organizacións nas que militan non están polo labor de galeguizar aos seus afiliados e simpatizantes. En 1934 o Partido Galeguista tivo unha actitude de defensa dos produtos galegos: “Unha patria para existir necesita contar cunha economía propia”. Sen embargo, unha organización nacionalista que conmemorou recentemente a súa fundación agochou este discurso pedagóxico. Cómpre que nas nosas compras apliquemos o principio da discriminación positiva:de primeiras, produtos galegos, e dentro deles aqueles que se identifiquen coa nosa lingua. Entre o falar e o facer debe existir unha coherencia.

Xosé González Martínez é presidente do Foro E. Peinador

Outros artigos

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

+

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

+

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

+

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.