
Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios, co beneplácito e o silencio cómplice das diferentes Administracións Públicas.
Non podemos esquecer que a maior porcentaxe de corrupción procede do mundo inmobiliario, coas comisións e sobres que continúan pasando de mans privadas a públicas para obter favores e privilexios. Estes personaxes e usureiros o que buscan é impedir que algo cambie e que continúe igual para beneficiarse cun ben básico e de primeira necesidade, como é a vivenda.
Os topes aos alugueiros; a limitación dos pisos turísticos; a garantía das alternativas habitacionais para persoas vulnerábeis; a creación dun maior número de vivendas públicas en réxime de alugueiros sociais son algunhas solucións que se deben poñer enriba da mesa e desenvolvelas no menor prazo de tempo posible.
O que hoxe aconteceu con Mari Carmen, ocórrelle a decenas de familias cada día no noso país e moito máis nalgunhas Comunidades Autónomas e Concellos que son remisas a cumprir coa Lei de Vivenda e por tanto vulneran a legalidade. O máis normal e humano, no caso de Mari Carmen, sería que a muller continuase nesa vivenda ata o seu falecemento e posteriormente o inmoble recaería definitivamente en mans do fondo de investimento.



