Foi unha brincadeira de mozos na fin de semana, coma sempre alegremente celebrada nesta cidade de pouco dormir e moito vivir, de sorriso de cristal que se reflicte na dársena da Mariña e a luz do faro de Hércules na versión máis antiga dos drons actuais que percorre silandeira as terras do vello Burgo.
A antiga praza da Fariña -fronte o palacio da Capitanía Xeneral- actualmente Praza de Azcárraga, situada no corazón da Cidade Vella coruñesa, quedou orfa de ninfa, sen raíña na Fonte dos Desexos, é unha escultura de bronce fundida nun obradoiro de París vai cara os 200 anos á que acompañaba un son de música de auga nos veráns de noites intensas nas que o castelo de Santo Antón manda mensaxes de liberdade e historias da insigne María Pita.
Perdida momentaneamente a fermosa figura feminina que a coroaba, que se mancou ao se separarse da súa base porque un mozo agatañou a escultura da fonte na media noite con sonoro estrondo e descomunal susto polo estropício, os que cada fin de semana sentan nos veladores da praza esqueceron o romanticismo que pendura das pónlas das árbores cangadas de anos e historia e ollaron o mar por se deste o Drake viña disposto a realizar unha das súas desfeitas.
A escultura é recuperable. E o autor da ruptura non desexada dun dos brazos da bela figura tamén. Son danos, ambos os dous, “asumíbeis”, pero non disculpábeis que deben servir para que ninguén máis agatuñe a Fonte dos Desexos por máis estrelas que tacholen p ceo-



