
A segunda edición do programa de dinamización lingüística Falamos +, no que participaron dez centros de educación infantil e primaria repartidos polas catro provincias galegas, remataba hoxe, venres 28 de novembro, no colexio Froebel (Pontevedra). Alí estivo o secretario xeral da Lingua, Valentín García, sinalando que a finalidade desta proposta é a “de aproveitar os centros escolares como espazos de socialización en idades temperás para impulsar o uso do galego máis alá das aulas, tamén nas actividades de lecer”.
Ao longo de tres semanas, até hoxe mesmo, o estudantado estivo realizando diversas actividades lúdicas, supervisadas pola coordinadora do programa, Pilar Ponte, que teñen que ver con monólogos, conversas, contos, teatro, música, baile e xogos. Neste senso, engadiu Valentín García, “temos en conta que os colexios, ademais das horas lectivas, dannos a oportunidade de desenvolver este tipo de accións para crear comunidades de galegofalantes”, seguindo a liña marcada, dixo, no Pacto pola Lingua “no que incidimos especialmente en chegar á cativada e á mocidade no impulso do idioma a través de varias vías”.
Este programa únese a outras propostas enfocadas nos máis pequenos e impulsadas a través do paquete de medidas da Xunta, que tamén teñen como escenario os centros escolares, como os 21 días co galego e +, e as distintas iniciativas como os contidos audiovisuais a través da plataforma Xabarín.gal.
Alén do colexio de Pontevedra, o programa Falamos + contou nesta provincia coa participación do colexio San Martiño, na propia cidade, ao que se lle suma o de Ardán, en Marín. Pola súa banda, en Ourense incluíronse na proposta o colexio público de Seixalbo e o do Ruxidoiro, no concello de Barbadás. Na de Lugo forman parte da iniciativa os centros Martínez Otero (Foz) e o da Gándara (Monforte). Mentres, na Coruña interveñen o Sagrada Familia e o Cornide Saavedra, da cidade herculina, e o Cruz do Sar, de Bergondo.
O resultado do programa Falamos+ foise amosando nun blog que actúa como fío condutor desta iniciativa, e no que se poden ver as diferentes actividades desenvolvidas en cada unha das xornadas do programa.



