​A área sanitaria de Santiago e Barbanza iniciou hoxe o estudo para facer o mapa epidemiolóxico da Covid-19

23 Abril 2020

Os Centros de Saúde pilotos da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza comezaron a mañá deste xoves a realizar os test para coñecer os niveis de inmunidade ao coronavirus da poboación, o que permitirá facer o mapa epidemiolóxico galego do COVID-19. Así realizou 25 mostras (6 en Vite, 10 en Galeras e 9 no Val do Dubra, resultando negativos todos eles. No resto de primaria (71 centros restantes) comezaron hoxe co contacto telefónico e mañá empezarán cos test para determinar que pacientes estiveron en contacto co coronavirus. Está previsto que recollan as mostras atá o día 7 de maio.

Son un total de 7.963 as persoas seleccionadas polo Instituto Galego de Estatística pertencentes a todos os centros de saúde da área e que participarán voluntariamente no proxecto. De momento, ningún paciente rexeitou formar parte do estudo.

Esta análise procurará estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao Covid-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza e recollida da información.

“Cada paciente seleccionado é contactado telefónicamente pola súa enfermeira de referencia e en caso de aceptar, realízaselles unha pequena enquisa e concrétase unha cita para facer o test no centro de saúde especificado”, indica Montserrat Souto, Subdirectora de Enfermería de Procesos sen Ingreso da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. A toma de mostra é unha punción dixital que tras ser introducida nun medio reactivo, indica se estivo ou non en contacto co virus. No caso de que a persoa seleccionada se atope encamanda, o persoal do centro acudirá ao domicilio. Os resultados das probas comunicaranse, ao máis tardar, ao día seguinte por vía telefónica.

Se o resultado do test é negativo e o paciente está asintomático, non deberá adoptar ningunha medida extraordinaria. Se ten síntomas, aínda que o resultado sexa negativo, estará en illamento durante 14 días e se lle realizará o PCR se cumpre condicións. Se é unha persoa con síntomas suxestivos de COVID-19 e o resultado do test é positivo, o médico indicará o seu illamento e a busca de contactos.

Cando a persoa non teña síntomas e o test dea positivo insistirase para detectar se tivo tos ou algún problema respiratorio nos 14 días anteriores, para saber se é preciso illala e buscar contactos. Se foi anterior se considerará que a infecciòn xa está superada e curada.

O Sergas deseñará un mapa epidemiolóxico de Galicia a través de dúas mostras de 50.925 persoas distribuídas entre as diferentes comarcas e concellos galegos. Así, e dun xeito aleatorio, o Instituto Galego de Estatística (IGE) seleccionou en primeiro termo, un mínimo de 600 persoas en 38 áreas territoriais que agrupan a todas as comarcas e, de seguido, distribuíu proporcionalmente os restantes test segundo a súa densidade de poboación, até chegar as 50.925 mostras por fase.

Nas sete grandes cidades galegas, a realización de probas desta primeira onda será de 4.800 en Vigo, 3.500 en A Coruña, 2.800 en Ourense, 2.150 en Lugo, 1.900 en Pontevedra, 1.650 en Santiago e 1.500 en Ferrol.

A mostraxe do IGE garante a representatividade do Covid-19 en Galicia

O Instituto Galego de Estatística (IGE) encargouse de determinar o tamaño dunha mostra coa que poder debuxar o mapa epidemiolóxico das catro provincias galegas. Así, a poboación que será obxecto de investigación serán as persoas que dispoñan da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde e que, tras ser escollidas dun xeito aleatorio, permitirán estratificar a influencia da pandemia por áreas territoriais; a prevalencia do virus segundo os diferentes tramos de idade (0-18 anos,19-64 anos e 65 ou máis anos) e o seu sexo.

Os resultados do proxecto permitirán acadar un coñecemento profundo da epidemia do Covid-19, e adoptar as medidas sanitarias e de confinamento máis axeitadas; coñecer a súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, área territorial; poder programar ordenadamente o regreso á normalidade dos sectores produtivos e, sobre todo, poder anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais.

Outros artigos

Accidente de tráfico no acceso ao polígono de Espiñeira, en Boiro

Os bombeiros do parque comarcal provincial de Boiro recibiron unha chamada ao redor das 20:00 horas deste mércores 15 de maio alertando dun accidente de tráfico no acceso ao Polígono de Espiñeira coa estrada AG-11, no concello de Boiro. Á chegada dos bombeiros as...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión