Esta noite, sobre a 1 da mañá, un alertador particular contactou co 112 Galicia desde un barco de recreo para pedir axuda. A bordo había catro persoas que se atopaban en perfectas condicións, pero estaban fronte á costa da parroquia de Abelleira, en Muros, e non conseguían atracar polo vento.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias informouse de inmediato a Salvamento Marítimo, Servizo de Gardacostas de Galicia, Garda Civil, GES de Muros e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.
Tanto Salvamento Marítimo como Gardacostas de Galicia mobilizaron embarcacións para o punto, mentres que os membros do GES achegáronse a comprobar a situación desde terra.
Finalmente, a embarcación fondeou nunha zona de pouco calado ata a subida da marea, tralo que foi acompañada sen maiores complicacións pola embarcación auxiliar Mar de Galicia, do Servizo de Gardacostas de Galicia.




