Esta visita ao municipio sonense tivo lugar como mostra da alianza destas dúas asociacións.
● Tamén foron recibidas polo patrón maior da Confradia San Telmo de Porto do Son, Emilio Queiruga e visitaron a nave das Redeiras Virxe do
Carme. En Portosín, recibiunas o patrón maior da Confradía San Andrés, Isaac Gaciño, e visitaron a nave das redeiras de Portosin.
● Na xornada vespertina visitaron o Museo Marea de Porto do Son e o Castro de Baroña.

O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, acompañado da tenente de alcalde, María José Maroñas Sóñora, da concelleira de Cultura e Festexos, Alicia Martínez Maneiro, e do concelleiro de Deportes, Xuventude e Ludoteca, Carlos Lorenzo Blanco, recibiu ás redeiras da Federación Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’ e da Asociación de Rederas de Bajura de Cantabria (AREBACA). A visita destas últimas ao municipio sonense reforza a alianza entre ambas as asociacións.
Durante o acto de benvida, as redeiras do Cantábrico entregaron ao alcalde unha figura artesanal como mostra de agradecemento. Oujo destacou “este fermoso xesto” e aproveitou para reivindicar e visibilizar o traballo fundamental destas mulleres no sector marítimo, que a miúdo non recibe o recoñecemento que merece.

A xornada continuou cun percorrido ata o peirao sonense, onde as redeiras foron recibidas polo patrón maior da Confraría San Telmo de Porto do Son, Emilio Queiruga Santamaría, e visitaron a nave das redeiras Virxe do Carme. Posteriormente, en Portosín, foron recibidas polo patrón maior da Confraría San Andrés, Isaac Gaciño Santos, e coñeceron as instalacións da nave das redeiras de Portosín.
Xa pola tarde, o grupo realizou unha visita cultural ao Museo Marea de Porto do Son, onde descubriron a historia local, rematando a xornada cunha visita ao Castro de Baroña.
Intercambio de experiencias na Cidade da Cultura
Como parte deste encontro, mañá celebrarase unha xornada de intercambio de experiencias e análise do futuro da profesión na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O evento contará coa participación do alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, e da concelleira de Persoal, Magdalena Pérez, en sinal de apoio ao sector.
“Con xornadas coma esta poñemos en valor o traballo destas mulleres redeiras, que realizan unha labor centenaria e que forman parte da nosa identidade e dun sector estratéxico e fundamental en Galicia”, subliñou Oujo.



