O Goberno de Ribeira e a oposición enfróntanse pola convocatoria da comisión informativa de urbanismo

03 Febreiro 2025

O Concello de Ribeira emitiu un comunicado no que desminte “de maneira categórica” as declaracións recentes do grupo local do Partido Popular, que cualifica de “falsas”, nas que se afirmaba que os seus representantes non foron convocados á comisión informativa de Urbanismo e Infraestruturas, que se celebra este luns 3 de febreiro ás 20:00 horas, como órgano previo ao pleno do xoves no que se debaterán as actuacións a incluír no Plan de Obras e Servizos (POS) 2025 da Deputación da Coruña.

Pola súa banda, o PP sostén que non recibiu aviso algún e que soubo da comisión “pola prensa”.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, cualificou estas afirmacións de “desinformación” e quixo deixar claro que “a convocatoria realizouse con total corrección e dentro dos prazos establecidos; todos os grupos municipais, incluído o Partido Popular, foron convocados á comisión informativa de Urbanismo e Infraestruturas mediante os procedementos habituais, e así o certifica o documento oficial asinado por min como alcalde e polo secretario municipal, que dá fe do proceso. Ese documento foi asinado o xoves 30 de xaneiro ás 14:26 horas”, explicou.

Desde o Concello considérase “inaceptábel” que, segundo explican, “sexan difundidas mentiras con ánimo de confundir á cidadanía e de erosionar a confianza nas institucións municipais”. E engaden: “A oposición ten todo o dereito a criticar e a debater, pero o que non pode facer é construír un relato falso para intentar enganar á xente co obxectivo ter un pretexto para non apoiar unha proposta que é positiva para a veciñanza”.

Por este motivo, o Goberno local insta ao Partido Popular de Ribeira a “rectificar publicamente as súas declaracións, pedir desculpas por mentir e rematar coa campaña de desinformación que leva tempo intentado crear en Ribeira”. En palabras do alcalde, “non é a primeira vez que a portavoz popular minte co obxectivo de desviar a atención ante a súa inacción pero todo ten límites”. O rexedor quixo ter unhas palabras de apoio para o persoal público: “Quero recoñecer o labor que fan os traballadores e traballadoras do Concello de Ribeira que son uns bos profesionais e realizan o seu traballo cun alto grao de profesionalidade e este tipo de estratexias partidistas non debería danar o traballo que fan”.

Dende o Concello afirman que “seguirán traballando con total transparencia e participación cos grupos da Corporación Municipal e veciñanza”, e reafirman tamén o seu compromiso co “bo funcionamento democrático e certifican que en todo momento se garántase que todos os grupos políticos dispoñen da información e das convocatorias necesarias para exercer o seu labor”.

Pola súa banda, a voceira da oposición (PP de Ribeira), Mariola Sampedro, sostivo que “nin ela nin os seus compañeiros da agrupación recibiran a comunicación” sobre a dita convocatoria, e polo tanto non foran convidados a participar nela. Afirman que tiveron constancia dela a través dos medios de comunicación, e tendo en conta isto e que a xuntanza estaba prevista para o serán deste luns 3 de febreiro, comunicáronlle ao rexedor o seu malestar. Tamén reclamaron ao alcalde “unha desculpa pública” aos membros da agrupación e tamén á cidadanía.

Outros artigos

Noia legaliza o seu Punto Limpo

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”. A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.