
Prosegue en Porto do Son as actuacións do primeiro Ciclo Cultural Infantil Itinerante organizado pola Área de Cultura do Concello.
A seguinte actuación será este domingo 24 de novembro e vén da man da agrupación Xarope Tulú e da produtora Culturactiva. Trátase de Roupa tendida, de Atenea García. Será ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Miñortos. A entrada é de balde, e non será preciso recoller entradas (acceso libre até completar o aforo).
Roupa tendida é un espectáculo de 45 minutos (aproximadamente) para público infantil e familiar que combina a narración oral coa manipulación de obxectos. Nesta proposta Atenea García tenta achegar entre si dous mundos: a literatura de tradición oral e a literatura contemporánea combinando ambos repertorios e procurando que dialoguen entre si. “Contar hoxe os contos de onte permítenos reflexionar sobre as nosas crenzas, observalas coa perspectiva do tempo, contalas desde a visión daquelas pequenas que medraron”, adiantan dende Xarope Tulú.
Organiza o Concello coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña.



