Os bombeiros xunto co persoal do Servizo Municipal de Emerxencias facilitaron, con material de rescate, o acceso aos feridos, que caeron dunha plataforma desde varios metros de altura sobre o chan.
Eran as 9:30 horas desta mañá cando o 112 Galicia recibiu o aviso por un accidente laboral con dous operarios feridos nunha nave do Polígono do Pousadoiro, en Vilagarcía.
Un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 xa estaba en movemento e solicitaban o apoio dos Bombeiros de Vilagarcía para poder acceder aos traballadores, xa que caeron desde unha plataforma elevadora desde varios metros de altura sobre o chan. Tanto así que, os bombeiros xunto cos membros do Servizo Municipal de Emerxencias, fixeron uso dunha autoescada para chegar aos feridos e posibilitar o traslado á ambulancia nas mellores condicións posibles. Neste senso, cómpre salientar que ambos os dous operarios presentaban diversas fracturas, polo que foron evacuados de inmediato ao centro hospitalario de referencia.
Neste operativo participaron, ademais, os axentes da Policía Local e Nacional.




