
Os directores xerais de Desenvolvemento Pesqueiro e de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Marta Villaverde e Antonio
Basanta, respectivamente; continuaron este luns coa rolda de contactos que están a levar a cabo coas diferentes confrarías para recoller as súas propostas e así dar resposta ás necesidades do sector. Neste caso, o encontro celebrado hoxe foi cos colectivos de
Arousa Norte (Rianxo, Cabo de Cruz, Palmeira, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Aguiño e Cooperativa Ría de Arousa Abanqueiro), e no que se analizou a situación da actividade marisqueira e se sentaron as bases para establecer sinerxias que permitan impulsar a
actividade que xeran os bancos marisqueiros desta zona marítima.
Os responsables da consellería do Mar trasladaron aos asistentes o compromiso da administración autonómica de seguir sumando esforzos en prol de paliar as dificultades que poidan xurdir de cara á vindeira campaña. A este respecto, Marta Villaverde e Antonio
Basanta confirmaron que, precisamente, unha das liñas de colaboración son as axudas que se publicarán nos vindeiros días e que están destinadas a consolidar, reforzar e dar soporte á rexeneración dos bancos marisqueiros con perdas de produción e que
contribuirán a garantir a sostibilidade e a conservación dos recursos mariños. En total, a Xunta de Galicia apoia a actividade marisqueira de Galicia con achegas que superan os 11 millóns de euros.




