A ABE prepara unha gala dos Premios á Excelencia Empresarial 2026 con David Perdomo como presentador

13 Novembro 2026
David Perdomo nunha imaxe de Enfoques.gal

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) ultima os preparativos da gala de entrega dos Premios ABE á Excelencia Empresarial 2026, que se celebrará o vindeiro venres 20 de novembro na Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro. Unha cita que reunirá representantes do tecido empresarial local nunha noite pensada para recoñecer o talento, o esforzo e a traxectoria das empresas e persoas que contribúen ao desenvolvemento económico de Boiro.

Un dos segredos mellor gardados desta edición era a identidade do presentador, que finalmente será o humorista e actor galego David Perdomo. Cunha ampla traxectoria na televisión, no teatro e no cine, Perdomo é unha cara habitual dos programas de humor da TVG, como Malo será!, e participou en series como Luci, Casa Manola ou Na Gloria. Tamén formou parte de distintas producións cinematográficas, entre elas Jacinto, A mazá dourada, +Cuñados e Rondallas. Ademais, está detrás de El Nicho, un dos podcasts de referencia no panorama actual.

A entrega dos galardóns contará tamén coa participación dos gañadores da pasada edición, que serán os encargados de entregar os premios ás novas empresas distinguidas nas categorías de Mellor Comercio e Mellor Empresa. Neste caso, entregarán os recoñecementos representantes da Libraría El Cisne e do Café Bar Os Fornos, nunha iniciativa que busca dar continuidade ao recoñecemento entre empresas e fortalecer os vínculos dentro da comunidade empresarial.

A música terá tamén o seu protagonismo da man da cantante Chiña, que será a encargada de poñer a banda sonora á velada e acompañar os asistentes durante a celebración.

Entre as novidades desta edición destaca a incorporación dun fotomatón, que permitirá aos asistentes levar de recordo unha tira de fotografías personalizada da gala. Esta proposta súmase ao tradicional photocall, que volverá ofrecer un espazo para inmortalizar a chegada dos convidados.

Ao remate do acto, os asistentes poderán compartir un viño e unha degustación de pinchos nun ambiente máis distendido, favorecendo o encontro e a relación entre as empresas participantes.

Convites exclusivos para socios e aforo limitado

A asistencia á gala será exclusiva para as empresas asociadas á ABE e as persoas convidadas. O acceso realizarase mediante invitación física, que deberá solicitarse e recollerse previamente nas oficinas da asociación.

O aforo está limitado e as invitacións están próximas a esgotarse.

A ABE felicita novamente as empresas e persoas distinguidas nesta edición e agradece a implicación de todos os asociados, colaboradores e entidades que fan posible esta celebración.

Máis alá dos recoñecementos individuais, os Premios ABE á Excelencia Empresarial representan unha oportunidade para poñer en valor o talento empresarial local, fortalecer os vínculos entre empresas e reivindicar o orgullo de formar parte dunha comunidade empresarial comprometida co presente e o futuro de Boiro.

Outros artigos

UCIN reclama arranxar o chan do Mercado Municipal de Boiro

UCIN Boiro emitiu un comunicado no que reclama arranxar o chan do Mercado Municipal, recentemente recoñecido como Mercado Excelente por parte da Xunta de Galicia, un mérito que a agrupación achaca aos praceiros e praceiras, "ao seu traballo diario, á súa dedicación e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.