” A nosa primavera literaria: Bandini e o latexo da Mahía”. Alberto Barciela

12 Novembro 2026

Os inicios en literatura son fundamentais, quizais e sen quizais o sexan en tódolos ámbitos da vida, pero sexa nun lugar da Mahía, nunha rúa central do Bertamiráns amiense, cando un primeiro libro inaugura unha editorial, o novo outorga novas ínfulas ao desaforado lector, neste caso de ollos xa case incapaces.

A Mahía é esa dimensión xeográfica na que caben tódolos mundos; a natureza é aquí xenerosa, nun val de augas do que parece provir o topónimo, e que acolle un paraíso entre Brión e Ames, augas balnearias e salutíferas, verxel de plantas e árbores, xardín de esplendidez colorista e olfativa, terra musa de inspiración prolífica, residencia de moitos intelectuais, académicos, catedráticos, profesores, dramaturgos, actores, tradutores, xornalistas, pintores, escultores, xestores culturais, galeristas, documentalistas, gastrónomos, hosteleiros… Dolores Vilavedra, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Alfredo Conde, Xosé Antonio López Silva, Malós Cabrera, Manolo Guede, María Méndez, Daniel Buján, Alberto Álvarez Escudero, Xosé Vázquez Castro, Xose Galarzo, Carmen Boullón, Alberto Sar, ou os xa desaparecidos Xosé Vizoso, Xosé Manuel Beiras e a súa dona Aurichu… e ata dunha Santa Minia. Lugar de veraneos escollidos nos que ao fondo poden resonar as campanas de Bastavales e Bastabaliños e incluso, con imaxinación, deslizarse os relinchos provintes do San Martiño desde a carballeira de Calo para achegarse á tertulia do Tropic. Quizais desborden os límites, mais como mahiano de corazón e residencia, leo a paisaxe con emotividade desbordada.

Pero con sinceridade creo que o que importa é que a Mahía atopou na librería Bandini un outro manantial onde as follas deste outono se encadernan en forma de libro e pingan achádegos novos. Outra cousa é entender de razóns que xustifiquen o elixido, de preguntarse se entre tanto autor residente, con anaquel propio na Libraría Bandini, por que houbo de recorrerse a un foráneo, pero o certo é que na Mahía caben tódolos froitos, como no seu particular dicionario caben palabras e expresións tan fondas como aberto, ta, frase baseada nunha superstición consistente en crer que cando ocorre unha desgracia a unha persoa é porque, fatalmente, había de verificarse naquel momento; abrideiro, en Galicia hai moitas clases de abrideros, a maior parte deles duces e sabrosísimos, como albaricoques, melocotóns, peladillos, pérsicos, etc.; pero a estes últimos lles dan no val, como no Ribeiro, o nome específico de cochos, que se abren con só oprimilos lixeiramente; degoxar, apetecer ansiosamente algunha cousa; enchoído, entusiasmado; ou racheiro, golpe de lume na lareira.

Hai palabras, e razóns para soñar, para confiar, para alentar iniciativas como a de Óscar Porral en Ames, ou a de Amancio López Seijas en Chantada ou O Grove, ou as de Manuel Costiña en Santa Comba cos produtos galegos na súa aposta pola terra, as hai en cada recunchiño de Galicia. En tódalas pequenas cousas atoparemos as pezas dun puzzle que completan unha terra que se fai de paisaxes humanas e xeográficas, que se modela en morriña, que se expande en sentimentos, que se vai, retorna, acolle, nos leva e se mostra nai cariñosa e amable, acunada entre séculos que nos trouxeron ata aquí coma nunha marea.

Como raqueiros deste vello Finisterre acollemos na praia este libro que nos permitirá agardar ata a primavera, na que desexaremos mil lecturas máis. É posíbel que a Mahía sexa Galicia en grandiosa síntese, como acuñou Eugenio Carré Alvarenga, aquel insigne escritor, historiador e académico da Coruña que soubo retratar a alma e a cultura do noso país.

Preguntei cunha certa timidez, pero non ao máximo responsábel, por que Bandini, e os seus amigos non me souperon responder; quizais todo se suceda como na percusión das lecturas infantís, sobre o modelado neuronal que do neno, impúber, se traslada ao cabaleiro libreiro, quizais tamén libresco, que acolleu un lugar da Mahía para a literatura e que xa conseguiu para o seu espazo plural un Premio Nacional de Librarías, ao que este ano se sumou outra de Santiago, NUMAX. Non hai por que buscar máis explicación.

A novela Agarda até a primavera, Bandini, escrita orixinalmente en 1938 por John Fante (1909-1983) e recuperada agora en galego por Bandini Editora con tradución de Adrián Estévez Iglesias, transpórtanos ao Colorado da Gran Depresión para falarnos coa máxima honestidade da pobreza, da emigración, da familia e da esperanza. E porque coma o neno ou o lume, a nosa cultura sempre busca marchar cara adiante, lembro aquela feliz expresión do val: arrisar, mellorar, revivir. Pois iso. Vale.

Alberto Barciela

Periodista

…

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Que deseo de mis escritos” – Manuel Domínguez

“Que deseo de mis escritos” – Manuel Domínguez

Me gustaría, que las palabras fuesen sonoras, es decir que no las pronuncies con tu voz, que las lean tus ojos, y ellas explosionen como un parto y salgan a la vida, que sean sonoras, que hablen, que te hablen a ti en exclusiva. En el silencio se reflejan en tus...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.