José Manuel Antonio Lustres Rivas, compañeiro e amigo de Castelao, mestre de xornalistas, vinculado o nacionalismo, militante do movemento agrarista foi ”paseado” hai 90 anos no alto da Concheira en Trasmañó (Redondela). A súa voz lúcida e independente foi violentamente silenciada polo terror golpista o 10 de novembro de 1936, cando foi asasinado sen xuízo nin garantías legais, converténdose nun dos máis dolorosos símbolos da represión cultural da Guerra Civil en Galicia.

Mestre senlleiro da prensa galega, dramaturgo e firme defensor dos dereitos cívicos e laborais, O ribeirense simbolizou a idade de ouro do xornalismo do primeiro terzo do século XX desde a cabeceira de Faro de Vigo. A súa traxectoria combinou o compromiso co galeguismo e co asociacionismo profesional cunha prolífica produción literaria centrada no mar e na realidade social do país. Porén, a súa voz lúcida e independente foi violentamente silenciada polo terror golpista en novembro de 1936, cando foi asasinado sen xuízo nin garantías legais, converténdose nun dos máis dolorosos símbolos da represión cultural da Guerra Civil en Galicia.
Madurez profesional, asociacionismo e proxección social
A finais de 1923, Lustres viaxou a Arxentina para traballar nun cargo executivo da navieira Norddeutscher Lloyd. Porén, a súa paixón xornalística conduciuno a dirixir a revista Céltiga en Bos Aires a principios de 1925. En abril dese mesmo ano regresou a Vigo para reincorporarse de xeito definitivo á redacción do Faro de Vigo, onde permanecería ata o comezo da Guerra Civil.
Neste período de plena madurez acadou o prestixio de auténtico mestre da profesión. Así foi correspondente para o sur de Galicia da axencia internacional United Press e colaborou con grandes cabeceiras como España Nueva, El Liberal, El Sol ou La Razón de Bos Aires. En xaneiro de 1927 asumiu a presidencia da acabada de nacer Asociación Profesional de Periodistas de Vigo.

O 23 de outubro de 1929 recibiu unha homenaxe polos seus 25 anos de carreira profesional no Hotel Mercedes de Madrid, á que se sumaron personalidades como Antonio Palacios, Alberto Insúa ou o director de La Voz de Galicia, Alejandro Barreiro. Liderou importantes causas civís, entre elas a defensa do ferrocarril Vigo-Zamora, o proxecto da Feira Internacional da Pesca e unha proposta para destinar medio céntimo do prezo de cada xornal a un fondo de xubilación para os reporteiros, apoiada por dirixentes como Manuel Azaña, Alejandro Lerroux ou Indalecio Prieto.
No terreo cultural e gremial, promoveu a “Hoja del Lunes” de Vigo en 1936 co propósito de dar emprego aos xornalistas en paro e participou na creación da Asociación de Escritores Galegos.
Produción literaria, dramaturxia e temática mariñeira
Aínda que centrou as súas enerxías no xornalismo en lingua castelá, fixo cadansúa incursión no galego con artigos de repercusión como «Touros e foro» (1921 en A Nosa Terra). No eido creativo destacou pola súa versatilidade estilística: no teatro estreou con grande éxito dramas como Peregrino da ilusión (1911, no Salón Pinacho de Vigo, en coautoría con Ramón Fernández Mato) e a comedia La hora grande (1923, no Teatro Tamberlick, xunto a Ramiro Fernández del Valle).
Na prosa e narrativa foi autor da novela por entregas La Fratricida e acadou en 1926 o prestixioso accésit do Premio Nogales polo relato “Griselda la Rubia. Historia de una mujer que discurría por ambientes gallegos”, galardón outorgado por un xurado integrado por Ramón Menéndez Pidal entre máis de seiscentas obras.
A crónica da realidade galega e do mar escribiu con fondura sobre os problemas cívicos e a emancipación da muller, demandando a súa plena independencia económica. O mar e Santa Uxía de Ribeira foron constantes na súa obra; destacan as súas crónicas sobre a traxedia do naufraxio do vapor Santa Isabel en xaneiro de 1921 e as súas series sobre o litoral galego publicadas en 1935.
Últimos meses, detención e asasinato en 1936
No eido do compromiso cívico galego, Lustres colaborara na fundación da Irmandade da Fala de Vigo en 1917, participara no Comité Autonomista en 1931 e apoiara a campaña polo Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936.
Cando estalou a sublevación militar en xullo de 1936, a súa esposa, Emilia Fernández, pregoulle refuxiarse na súa localidade natal, Ribeira, ao abeiro de achegados e familiares. Confiado na súa falta de militancia partidaria activa e no seu xiro moderado, negouse a marchar, convencido de que calquera proceso xudicial remataría na súa absolución.

A finais de agosto de 1936 é cesado como redactor-xefe do Faro de Vigo e arrestado tras presenciar a lectura do bando de guerra. Pasa polo Cárcere Modelo de Vigo, polas dependencias do Frontón de María Berdiales e finalmente é deportado ao penal da Illa de San Simón. Librouse de ser «paseado» en tres ocasións pola mediación da dirección do xornal. O 8 de novembro trasládano ao calabozo de Redondela co pretexto de comparecer perante o tribunal. O día seguinte é sacado do calabozo canda outros catro detidos cara a Vigo, o transporte detense na Concheira (Trasmañó) e é asasinado sen xuízo nin consello de guerra. O día 10 a familia identifica o seu cadáver desfigurado aos 48 anos de idade.
Os seus restos mortais foron inicialmente soterrados en Redondela e repousan hoxe no cemiterio vigués de Pereiró. Xunto con Roberto Blanco Torres, converteuse nunha das plumas máis senlleiras do xornalismo galego truncadas pola violencia arbitraria sen ningún tipo de procedemento legal, pechando así a traxectoria dun dos observadores máis lúcidos e activos da Galicia do primeiro terzo do século XX .
Por Xosé María Fernández Pazos. Historiador, Xornalista e Cronista Oficial de Ribeira



