
A comedia O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger, a nova montaxe teatral da compañía lucense Tarabela Creativa coproducida polo Concello de Burela, chega este venres, 13 de novembro ás 21:15 h, á Mostra de Teatro de Ribeira. A obra conta en escena cos actores Fran Lareu e Xosé Manuel Esperante, así como coa propia Carmen Conde, autora do texto que dirixe Avelino González.
Trátase dunha comedia de ritmo trepidante inspirada en feitos reais. O pai de Carmen Conde foi durante décadas especialista en dactiloscopia da Policía Xudicial, un home que resolveu crimes descifrando a palma da man: unha especie de quiromante guiado pola ciencia. Como resultado, fixo centos de atestados que deixaron constancia da cartografía delituosa dunha Galicia delirante.
A partir desta premisa, destápase un enredo con toda a ralea posible de delincuentes —os que aparentan selo e os que non—, que se axudan e se obstaculizan mutuamente para cobrar unha herdanza millonaria de condicións moi peculiares. Unha trama que demostra que, como ben sinala o pai da autora, calquera persoa pode converterse en delincuente chegado o momento.
A montaxe vén de ser estreada con éxito o pasado 9 de outubro no auditorio da Casa da Cultura de Burela e iniciou unha xira que a levará por máis de vinte teatros e auditorios galegos ata o primeiro semestre de 2027.
As entradas para a función do venres 13 pódense adquirir a través da web de Ataquilla.



